EMPREGO

As mulleres reforzan en Galicia a súa posición no mercado de traballo

Galicia aposta polo talento feminino e por unha verdadeira igualdade de oportunidades entre homes e mulleres

Galicia aposta polo talento feminino e por unha verdadeira igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. A situación da muller no mercado de traballo da Comunidade Autónoma está cambiando e así o reflicten as últimas estatísticas. Os datos sinalan que en Galicia estase a favorecer a situación da muller no mercado de traballo con apoios dirixidos ao emprendemento e a acadar a igualdade na empresa.

O paro entre as mulleres reduciuse no último ano nun 3,92%.  Oito de cada dez mulleres ten un traballo a tempo completo e o 70 % das asalariadas contan cun contrato indefinido. Ademais, Galicia é a sexta Comunidade con menor desviación salarial entre xéneros. 

Emprega en feminino, o novo programa da Xunta que, con 100 millóns de euros ata 2020, busca desenvolver medidas que impulsen o papel da muller no mercado laboral, está contribuíndo a mellorar o posicionamento das muller no mercado laboral galego. 

Cun investimento medio anual de 25 millóns, esta folla de ruta inclúe catro eixos de actuación con propostas innovadoras que faciliten a súa incorporación profesional; o seu desenvolvemento; a igualdade na empresa; e apoiar o emprendemento. 

O Goberno galego fíxase con esta actuación ata 2020 aumentar a taxa de emprego feminino en dous puntos; chegar ao 75% das mulleres asalariadas con contrato indefinido, prestando especial atención a novos sectores estratéxicos, como a Industria 4.0; situar o emprego autónomo entre as mulleres no 21% das afiliadas, preto de dous puntos máis que na actualidade. 

Emprega en feminino inclúe, entre as súas medidas destacadas, incentivos para a reincorporación de nais paradas de longa duración, un incremento do 25% dos incentivos á contratación de mulleres, e a vinculación de accións de orientación laboral co ámbito da formación. Potenciarase, así mesmo, a certificación de profesionalidade para mulleres que desexen incorporarse a un traballo. 

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, ademais, fomentará o desenvolvemento profesional do colectivo feminino coa primeira edición do programa Excelsia para formar a novas tituladas, tanto universitarias como de FP, en postos intermedios. Neste segundo eixo de actuación tamén incidirase na formación para o emprego vinculada á Industria 4.0 e a sectores estratéxicos, desenvolverase unha nova edición de Executivas para seguir dando a oportunidade ás desempregadas de formarse en postos de dirección, e realizaranse talleres para que as mulleres participantes poidan desenvolver a súa marca persoal.

O terceiro gran obxectivo do programa será a elaboración e implantación de medidas de igualdade e fomentar a corresponsabilidade para garantir a conciliación. Para iso, incentivarase a igualdade na empresa, levaranse a cabo campañas de sensibilización, favorecerase a contratación pública en Responsabilidade Social Empresarial e realizaranse novas medidas contra a fenda salarial en Galicia. 

Por último, o eixo do emprendemento inclúe a posta en marcha dun banco de ideas para novas iniciativas empresariais e o fomento da titularidade feminina en entidades de economía social. Reforzarase, ademais, o apoio ás iniciativas femininas na promoción do emprego autónomo e da economía social. 

Neste último ámbito, a Xunta ten en marcha o programa Medrando Xuntas para impulsar o talento feminino no sector da economía social. A iniciativa baseasea nun plan de formación que conta con contidos específicos cun dobre obxectivo: dar máis protagonismo ás mulleres para conseguir que participen máis activamente nos procesos de toma de decisión das súas entidades e potenciar as súas capacidades directivas como factor clave no seu posterior desenvolvemento profesional. Trátase dunha formación integral executada desde unha perspectiva de xénero participativa.

Colectivo estratéxico

As mulleres son neste momento un colectivo prioritario en todas as políticas activas de emprego da Xunta. Cada ano, a Xunta destina máis de 51 millóns de euros para facilitar a formación e integración laboral das mulleres en Galicia. 

As medidas incluídas en Emprega en feminino compléntase con outras iniciativas de apoio ás mulleres que xa está a promover a Xunta a través das consellerías do Mar e do Medio Rural e das secretarías xerais de Emprego e da Igualdade. Así mesmo, e para avanzar cara unha igualdade efectiva entre homes e mulleres, a Xunta instou ao Consello Galego de Relacións Laborais para que os axentes económicos e sociais establezan as liñas básicas, nas que se están a traballar, para un Acordo Marco Interprofesional de ámbito autonómico sobre a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. 

A nova folla de ruta enmárcase na Axenda 20 para o Emprego coa que a Xunta está traballando para crear ata 2020 80.000 postos de traballo estables e de calidade. 

Programas integrados específicos para mulleres 

Os programas integrados de emprego inclúen por primeira vez este ano a reserva dunha porcentaxe do orzamento para o desenvolvemento de plans específicos para as mulleres. En concreto, destínanse dous millóns de euros a esta actuación que permite activar a primeira das medidas de Emprega en Feminino. 

Os programas integrados de emprego están enfocados a mellorar a ocupación dos desempregados establecendo como obxectivo a inserción laboral dun mínimo do 30% dos seus participantes. Cada plan integrado inclúe accións personalizadas de diversa natureza como información, orientación, asesoramento e formación combinado con prácticas laborais.

A Xunta inviste na convocatoria deste ano 9,5 millóns de euros, un 40% máis que na pasada edición, para incrementar as oportunidades laborais de 4.000 persoas sen emprego, 565 máis que na convocatoria anterior. A iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria está destinada a concellos e entidades sen ánimo de lucro.

Aceleradoras para mulleres emprendedoras 

Emprega en feminino inclúe entre as medidas innovadoras a reserva de prazas, preferiblemente para mulleres emprendedoras, nos programas vinculados á Industria 4.0. A esta medida, que forma parte do eixo de emprendemento deste plan, destinaranse 2 millóns de euros. 

Trátanse dos programas de incubación ou aceleración que a Xunta apoia no marco de execución da Axenda Galicia-Industria 4.0 nos que se reserva unha porcentaxe a mulleres emprendedoras. Así, por exemplo, na próxima edición de Espazos Coworking priorizarase á muller. Os espazos coworking e a rede de aceleradoras reforzan o ecosistema de apoio da Xunta para impulsar os proxectos dos emprendedores. 

Os espazos coworking, que se desenvolven coa colaboración da Escuela de Organización Industrial (EOI) para a aceleración de proxectos emprendedores, permitiu na súa primeira edición que un total de 139 emprendedores e emprendedoras puideran recibir asesoramento personalizado, titorías, formación e acceso aos medios necesarios para desenvolver a súa idea de negocio. En total, xurdiron 119 proxectos nos sete espazos da comunidade.

Te puede interesar