INDUSTRIA

Os parques industriais renóvanse para atraer novos investimentos

indu_result
photo_camera As actuacións previstas van orientadas á mellora das dotacións e infraestruturas dos parques empresariais.

Os polígonos empresariais son unha das infraestruturas clave para contribuír á atracción de compañías cara aos municipios galegos, polo que precisan dunha constante mellora e modernización co obxectivo de incrementar o servizo que se presta ás firmas xa instaladas, contribuíndo ademais ao impulso da súa competitividade e á captación de novos investimentos con capacidade para xerar riqueza e emprego nos concellos.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria aprobou este ano apoios por preto de 4,2 millóns de euros para os concellos galegos, cos cales se desenvolven 73 proxectos en 59 parques empresariais da Comunidade. Con esta convocatoria, que prevé axudas do 80% do custo subvencionable e que se incrementan ata un 95% no caso de agrupacións ou fusións de concellos, desenvolveranse actuacións orientadas á mellora das infraestruturas viarias, á dotación de servizos centralizados de xeración e subministración de enerxía de cara ao aforro e a eficiencia no gasto enerxético, depuración de augas, xestión de residuos e instalacións de sistemas de seguridade e vixilancia. 

Tras a finalización dos traballos teranse realizado a través deste programa, en colaboración cos concellos galegos, 426 proxectos nos parques empresariais desde o 2009, contribuíndo así á calidade do solo industrial galego e mellorando as infraestruturas de apoio ao tecido empresarial da Comunidade. 

Segundo os últimos datos do índice de produción industrial, Galicia sigue crecendo por riba da media nacional, e así a produción industrial galega medrou en xullo un 4,7% con respecto ao mesmo mes do ano pasado, fronte ao 2% de crecemento que rexistra o conxunto estatal. Este crecemento estase producindo en sectores clave para a economía galega, destacando a automoción, cun 22,1%, a metalurxia, cun 13,1%, e a propia industria da madeira, que crece un 16,8%.

As axudas que veñen de concederse enmárcanse no Plan de captación de investimentos, dentro do cal se está a tramitar a futura Lei de implantación empresarial. Esta norma céntrase na simplificación administrativa, o acceso ao solo industrial, as axudas para reducir a fiscalidade empresarial, xunto coa resposta ás necesidades de sectores produtivos concretos. 

No tocante ao acceso ao solo, inclúese a posibilidade de desenvolver a urbanización parcial de áreas industriais; e tamén a creación do Censo de solo empresarial de Galicia para coñecer as necesidades reais existentes. Ademais, incorpórase unha medida para facilitar o pago aprazado e sen xuros na compra de solo público, ao tempo que se recollen iniciativas que xa se están en marcha como as bonificacións na venda de solo público nos parques empresariais.

Ademais das diferentes medidas para impulsar o acceso ao solo a prezos competitivos, a futura Lei de implantación empresarial busca reducir á metade os prazos de tramitación dos proxectos empresariais para axilizar a súa posta en marcha. No ámbito da redución da fiscalidade empresarial, activaranse incentivos ás propias empresas para asumir tributos autonómico, así como incentivos aos concellos a través da súa adhesión ao convenio proposto pola Xunta á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).  Así, para ser Concellos Doing Business, as administracións locais ofrecerán bonificacións de ata o 95% nos seus impostos, así como a eliminación de taxas vinculadas coa industria, mentres que a Xunta establecerá medidas específicas que inclúan axudas para o desenvolvemento empresarial nestes concellos. Coa normativa que se está a tramitar, e que se está a consensuar cos diferentes axentes económicos, favorecerase o desenvolvemento do tecido empresarial galego e a creación de emprego de calidade, consolidando deste xeito a Galicia como unha terra de oportunidades.

AVANCES CARA A FÁBRICA INTELIXENTE

A segunda convocatoria do Concurso de Ideas Industria 4.0, impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, mobilizará máis de 8 millóns de euros apoiando o desenvolvemento de 32 novos proxectos piloto de pemes de sectores estratéxicos para Galicia,  que avanzarán así cara a fábrica intelixente e servirán de exemplo para outras empresas na implantación deste novo modelo produtivo que se apoia nas novas tecnoloxías como clave para a mellora competitiva En concreto, apoiaranse un total de cinco novas iniciativas colectivas, que contarán con 2,8 millóns de euros de apoio público. Por unha banda, seleccionáronse catro novos proxectos de carácter sectorial presentados polos clústers de automoción (Ceaga), madeira (CMAD), e alimentación (Clusaga), que xa impulsaran investimentos 4.0 ao abeiro da primeira edición, e o clúster do naval (Aclunaga), que se incorpora nesta nova convocatoria. 

O proxecto liderado por Ceaga, coa participación de nove pemes do sector do automóbil, céntrase na automatización, a dixitalización e a intercomunicación máquina a máquina, así como na conectividade total ou estendida. Entre outras iniciativas, as empresas participantes  desenvolverán un sistema de almacenamento dinámico automatizado e intelixente, implantarán vehículos autónomos para o transporte interno, ou avanzarán na personalización extrema de produtos. No tocante á iniciativa presentada polo Clúster da Madeira e o Deseño, concíbese como un movemento das empresas cara á especialización, tecnificación e aumento da súa competitividade propia. A agrupación está formada por nove pemes pertencentes a diferentes elos da cadea de valor: a explotación forestal e xestión e transformación de biomasa; a primeira transformación de madeira, taboleiro e papel, a remanufactura de madeira, e a industria auxiliar forestal, entre outros.

Pola súa banda, Clusaga busca incorporar, na cadea de valor dos alimentos e das bebidas, solucións intelixentes de novas tecnoloxías nos procesos de produción e envasado e na trazabilidade. O proxecto incorpora cinco pequenas e medianas empresas que son referentes tecnoóxicos en áreas estratéxicas: lácteo, avícola, pesqueiro, vitivinícola e hortofrutícola.

O obxectivo do proxecto de Aclunaga, que incorpora cinco pemes, é revitalizar os procesos produtivos e de xestión vinculados á fabricación avanzada no sector naval e a industria auxiliar, apostando pola dixitalización como elemento clave. No que respecta ao proxecto temático, presentado por Asime e centrado na fábrica virtual, afróntase o reto que supón adaptar as tecnoloxías de simulación á peme industrial galega. Para iso, selecciona catro empresas nas que, mediante o uso destas tecnoloxías, se diminuirán os seus custos, se fabricarán novos produtos e aumentarán o valor engadido aos que xa fabrican, mellorando como consecuencia a súa competitividade. Empregaranse tecnoloxías como a simulación industrial e a realidade virtual e aumentada.

Grazas ao primeiro Concurso de Ideas impulsado polo Igape están rematando o seu proceso de desenvolvemento proxectos realizados a través de 38 pequenas e medianas empresas dos ámbitos da automoción, da alimentación, do aeronáutico e da madeira, cun importante efecto demostrador para outras compañías do seu sector, e que mobilizarán 7,5 millóns de euros. Entre as dúas convocatorias, son 70 empresas que mobilizan 15,6 millóns de euros en investimentos no ámbito da Industria 4.0 contando con axudas que suman 5,6 millóns de euros.

Te puede interesar