INDUSTRIA

As pemes galegas colaboran no camiño cara á fábrica intelixente

20160616095545827_result
photo_camera O aeronáutico centra un dos proxectos do Concurso de Ideas Industria 4.0

Contar con robots con visión en 3D capaces de controlar e dar o visto bo a pezas de automóbiles; duplicar a produción no sector madeireiro; implantar mellores sistemas para as cámaras dos avións non tripulados; ou fomentar liñas intelixentes de envasado no eido agroalimentario son catro das posibilidades que ofrecen os proxectos que porán en marcha as pemes galegas seleccionadas no Concurso de Ideas Industria 4.0, que ten por obxectivo impulsar a fábrica intelixente e lograr que as empresas sexan máis competitivas. 

Os proxectos incluídos nesta nova iniciativa da Xunta pertencen a Ceaga, Clúster da Madeira e o Deseño, Clusaga e Asime, nos cales participarán un total de 38 pequenas e medianas empresas relacionadas coa automoción, a industria madereira, o sector alimentario e o aeronáutico.

A Industria 4.0 será o modelo produtivo que marque o camiño da economía mundial nos próximos anos. Por este motivo, as pemes galegas son conscientes da necesidade de apostar polas novas tecnoloxías e aplicar as vantaxes que ofrece ao seu día a día. Así, o Concurso de Ideas Industria 4.0, impulsado pola Xunta a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria e encadrado na Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, permitirá á comunidade galega estar á vangarda empresarial e, polo tanto, ofrecer unha visión cara o exterior que sexa sinónimo de innovación e emprendemento; facendo de Galicia un auténtico referente español en materia industrial para a vindeira década.

As propostas seleccionadas neste concurso, que conta cun investimento público de 2,8 millóns de euros para mobilizar 7,5 millóns en apoio aos proxectos presentados, comezarán a executarse nas próximas semanas e prolongaranse durante un ano. Ao final do proceso, a idea é que os avances que se obteñan cambien o modo de producir, formar e contratar por parte das empresas, ademais de apostar pola incorporación de persoal cualificado.

No caso da iniciativa impulsada polo Clúster da Madeira e do Deseño, participan 13 pemes da totalidade da cadea de valor: tanto da primeira e segunda transformación de madeira, como da remanufactura; os sistemas de xestión da produción e control de calidade de produto final, así como de inventario. 

Desenvolveranse sistemas que fomentarán a robotización dos procesos de serradura mediante sensorización e automatización do reaserradura; a utilización de sistemas ciberfísicos para a mellora das técnicas de serradura que posibilite o aproveitamento de madeira ancha con ferramentas de corte convencionais; a posta en marcha dunha liña completamente automatizada para a produción flexible de cadrado ou taco de pallet; a robotización de operacións de carga, posicionamento, descarga e paletizado de material; ou unha liña automatizada de ensamblaxe e empaquetado de portas.
Na proposta de Clusaga participan tres pemes co obxectivo principal de incorporar, no sector alimentario e das bebidas, solucións intelixentes de novas tecnoloxías nos procesos de produción e envasado e no intercambio de información na cadea de valor; mentres que no proxecto do Clúster da Automoción (Ceaga) participan 12 pemes galegas que cobren a cadea de valor na súa práctica totalidade e pertencen na súa maioría á industria auxiliar. 

Entre as iniciativas máis salientables do proxecto de Ceaga, encóntranse a instalación robotizada de inspección para o control de calidade por visión artificial de pezas fabricadas; a posta en marcha dunha liña de montaxe de compoñentes con instalación de contorno colaborativo home-máquina; a creación dun laboratorio para ensaios e probas de aplicación de pintura sobre chapas, mediante o uso de pistolas aerográficas robotizadas; ou a adquisición de impresoras 3D para prototipos rápidos.

O Concurso de Ideas Industria 4.0 tamén tivo en conta ao sector aeronáutico. Liderado por Asime, no proxecto colaborarán 11 empresas que terán, entre outros obxectivos, crear unha plataforma integrada de traballo para o sector aeronáutico e desenvolver útiles intelixentes e metodoloxías de traballo específicas para a mellora da mecanización de compostos para as partes inferiores das fuselaxes dos avións.


Nova convocatoria de Unidades Mixtas

Tamén no eido da mellora competitiva e a innovación, o Goberno galego vén de aprobar unha nova convocatoria das Unidades Mixtas de Investigación coas que, nos últimos dous anos, ten posto en marcha 19 iniciativas que suman o esforzo de grandes empresas e centros de coñecemento galegos para impulsar proxectos innovadores de vangarda, impulsar a competitividade do tecido empresarial, e xerar empregos cualificados. Esta nova convocatoria suma 5 millóns de euros de apoios públicos, que permitirán xerar investimentos por valor de 17 millóns e xerar 90 empregos cualificados. 
Con esta edición, a Xunta espera acadar un total de 25 Unidades Mixtas.

Desta maneira, o programa supón un investimento público-privado de 87 millóns de euros, impulsando a xeración de 360 empregos cualificados. As unidades mixtas activadas ata o de agora están a permitir aos investigadores e tecnólogos galegos de universidades e centros tecnolóxicos colaborar con empresas líderes nos seus sectores: Gas Natural, Repsol, Everis, Esteve, PSA Peugeot-Citroen, Borg Warner Emissions Systems, Jealsa-Rianxeira, Escurís, Grupo Copo, Navantia, Wartsila Ibérica, Vulcano, Viza, GKN Driveline Vigo, Calvo, Coren, Roche Farma, TRC Informática e Viaqua.

A nova convocatoria de Unidades Mixtas terá como novidade principal unha especial atención a aqueles proxectos nos que participen pemes, co obxecto de reforzar a competitividade do tecido galego de pequenas e medianas empresas. 
No marco das prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), estas unidades teñen como reto fundamental incrementar a competitividade das industrias con máis peso na economía galega. Neste senso, a meirande parte dos proxectos aprobados desde 2014 correspóndense con sectores estratéxicos como a automoción, o naval ou a alimentación.

A convocatoria ábrese aos centros tecnolóxicos, universidades, fundacións de investigación sanitaria e centros galegos do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), que acrediten ter captado o interese de empresas para desenvolver conxuntamente proxectos de innovación, co compromiso de manter a unidade un mínimo de tres anos. O resultado debe ser unha unidade mixta de I+D+i con entidade física propia, persoal da empresa destinado nas súas dependencias e un orzamento mínimo de 2 millóns de euros.  O centro e a empresa participarán de maneira conxunta dos resultados, polo que as unidades activarán a posta en valor dese coñecemento no mercado.

Te puede interesar