FORO LA REGIÓN

Pontón: ‘Este modelo non permite desenvolver o potencial que temos'

photo_camera Ana Pontón nun momento da súa intervención no Centro Cultural Marcos Valcárcel dentro do Foro La Región.

A portavoz nacional do BNG reivindica que "haberá máis oportunidades se avanzamos colectivamente como pobo"

O papel do nacionalismo galego centrou un novo capítulo do Foro La Región, que contou coa presenza da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que reflexionou sobre o presente e futuro de Galiza,insistindo na necesidade de fixar os centros de decisión na terra, despois de ser presentada pola deputada nacionalista por Ourense, Noa Presas.

"Este modelo, un réxime que é como un traxe estreito, non permite desenvolver todo o potencial que temos", destacou Pontón, que citou o proxecto que lidera como garante da conservación de símbolos diferenciadores como a lingua ou a cultura nun mundo globalizado.

"Nesta época, ter un marco para desenvolver o noso país axuda a que avancemos e que a humanidade non perda unha parte do que conforma o universal, pluralidade e diversidade. Galiza terá oportunidades se avanzamos colectivamente como pobo, porque o proxecto desta Europa fai augas", indicou. Ana Pontón recoñeceu erros do proxecto nacionalista nos últimos anos, actuacións das que asegura que se aprendeu, destacando que a formación comezou na última asamblea un proceso de renovación para "estar á altura dun tempo novo", co obxectivo de resintonizar con algúns sectores da sociedade.

A portavoz nacional do BNG citou tres exemplos para "non quedarse quietos", explicando que Galicia ten moitos camiños que explorar.

Falou do potencial enerxético -"non temos petróleo, pero si ríos e centrais hidroeléctricas"-, da perda dunha caixa de aforros da Comunidade -"somos un dos territorios que máis aforra, pero eses cartos non revirten en nós"- e da política fiscal -"parece que non pagamos e que nos financia Madrid, pero collendo a liquidación de impostos aboamos 11.000 millóns e só recibimos 7.000"-.

Como colofón, Pontón puxo o exemplo do Concello de Allariz como "motor dunha poboación". "Na provincia de Ourense, afectada polo despoboamento e o envellecemento, hai recursos como o termalismo ou a capacidade tecnolóxica, só falta querer ir nesa dirección", concluiu. 

Te puede interesar