FORO LA REGIÓN

“Bob Dylan é o Picasso do rock; non nos deixa de sorprender aos 75 anos"

ourense. 15 octubre 2010. vicente araguas
photo_camera O escritor Vicente Araguas.

O escritor Vicente Araguas ofrece hoxe no Foro La Región a conferencia "El mundo poético de Bob Dylan". A cita será ás 20,15 horas no Marcos Valcárcel.

De onde vén a súa admiración por Bob Dylan?

Cando chegou a min a versión "Blowin' in the Wind", unha das cancións icónicas de Dylan. Estou falando do 1964. Cando Dylan electrifica o folk, o que se chama folk-rock, quedei abraiado porque aquí o que se daba naquela época era o pop, ou ben autóctono ou o que nos viña de Inglaterra. Isto non quita que tamén me gustase o que se facía aquí; é dicir, a canción francesa e italiana, as rancheiras e os boleros. Eu son moi amplio musicalmente falando.

Como definiría vostede ao cantautor de Duluth?

Coma un deus en pequeniño. Coma un home que ten revolucionado o rock porque el sintetiza todo. Ademais, é un home que che sorprende con cada paso que da. Para min, Bob Dylan é o Picasso da música rock. Picasso dicía "eu non busco, eu atopo" e é certo porque Dylan vai movendo fichas e vai descubrindo. Sempre fai algo diferente. 

Escribiu unha tese que se converteu no libro “El mundo poético de Bob Dylan". Como xorde?

Foi un proceso moi lento. Detrás do libro está a tese, que defendín o 27 de novembro de 2014, e detrás a tesina. Cando lle deron o Nobel a Dylan foi inevitable publicar o libro. A miña publicación remataba no ano 66. Precisamente, cando ten o accidente de motocicleta que o aparta do mundo durante practicamente un ano. Hai que ter en conta que Dylan publica entre 1962 e 1966 sete discos. Con 75 anos, Dylan segue cantando en directo, facendo todo tipo de cousas e sorprendendo, que é o máis importante que pode facer un artista. 

Por que lle deron o Premio Nobel de Literatura a Dylan?

Como llo terían dado a Homero no seu momento. "La Ilíada" e "La Odisea" foron escritas para ser cantadas. E ao darlle o Nobel a Dylan fixeron ben. 

É literatura o que fai Dylan?

Dylan non foi a Estocolmo a recoller o premio. Falou por el a embaixadora americana e no seu discurso recolle que non se pregunta se fai ou non literatura, senón que se plantexa se chega ao público ou se os músicos están afinados. 

A obra de Dylan está ateigada de referencias á Biblia.

Hai moitísimas. El naceu xudeo. Zimmerman é un apelido xudeo. A deriva relixiosa de Dylan é moi importante. Logo tivo unha fase atea e volve ao xudeismo para entrar nunha seita cristiana. Actualmente non sei en que momento estará. En relación con isto, teño intención de escribir "La Biblia de Bob Dylan".

En que outros proxectos traballa agora?

O ano próximo darei clase na Complutense de Madrid. Foi a raíz dunha conferencia que din sobre Dylan. Ditarei yn curso sobre as mulleres adúlteras na novela no século XIX durante un cuatrimestre na Universidad de Mayores. Eu chego aí grazas a el. Non sei o que me debe Dylan a min pero eu lle debo moito. Por outro lado, estou escribindo unha novela dentro do xénero biográfico e de ficción. 

Con que cancións acompañará a conferencia de esta tarde?

Botarei man de "Blowin' in the Wind"; "Tu Ramona", un valse moi bonito; e "The Times They are A-Changin", entre outras. 

Te puede interesar