MÚSICA - ENTREVISTA

Emilio Rúa: "Creo que o galego é unha lingua que naceu para ser cantada"

OURENSE.10.05.2017 AUDITORIO, CANTAUTOR EMILIO RUA.  FOTO: MIGUEL ANGEL
photo_camera Emilio Rúa estará esta tarde no Liceo, dentro do Foro La Región.

O verinense participa hoxe no Foro La Región, onde presentará o seu novo traballo "Cantares, poesía galega". Será no Liceo ourensán, ás 20,30 horas.

Se non fose cantautor, Emilio Rúa (Riós, 1976) sería garda forestal, malia que confesa que non entendería a súa vida sen ser músico.

Participa no Foro La Región para falar sobre a poesía, cal é a súa importancia?

A poesía é vital. Vital para compoñer e crear cancións. Senón, de que xeito se podería expresar? 

Que papel xoga na música?

Eu creo que non se entenden a unha sen a outra. Para min a poesía ten que ter un ritmo musical.

Fálenos do seu novo traballo “Cantares, poesía galega", que presenta hoxe no Liceo.

É un disco autoproducido, á miña maneira, que escapa do habitual e do preconcebido, que conserva o meu toque persoal á hora de crear e poñer música. Este disco fala da poesía clásica e da actual.

Logo de seis discos publicados, sorprende con este específico de poesía. Como naceu a idea de facer algo tan diferente?

Porque teño que facer cousas diferentes musicalmente e conceptualmente. Era o momento para facelo. Dubidei entre este disco ou un de romances, que se fará máis adiante.

Defínese coma un “cantautor, un cantante de bares". Por que?

Os bares tiñan a maxia do cantautor, agora son dos monólogos (risas). Eu comecei cando se fumaba nos bares, e o fume cortaba na gorxa. Curtinme así, eu só coa guitarra. Só os que cantamos nos bares sabemos o que é.

E como comezou na música?

Co meu pai e os meus catro irmáns maiores, cando tiña sete anos, que tiñamos o grupo musical Concorde Atenea. Diso xa fai 34 anos.

Cal é a súa fonte de inspiración?

A terra e a xente que me rodea. A natureza é necesaria na miña música. Eu son de aldea e iso marcoume a vida. Tamén o amor como expresión de todo iso que vexo e sinto, unido á honestidade e á humildade como creador.

Por que decidiu cantar en galego?

Porque había certo baleiro. Porque son galego. Porque falo e penso en galego. Porque o galego era a lingua elexida por Afonso X, que se lle chamaban Sabio sería por algo. Porque creo que o galego é unha lingua que naceu para ser cantada. E por que teño amor por esta lingua, aínda que se puidera cantar en outros idiomas, como canto tamén en castelán, faríao sen prexuízos porque non os teño.

Algunha vez pensou en deixalo?

Unha vez, pero puido máis a coherencia.

Sobre o escenario, cal é a súa meta?

Que a xente sinta o mesmo que eu sinto. 

Te puede interesar