FORO LA REGIÓN

Lores: “Hai que pensar nas persoas, que son as que viven nas cidades"

photo_camera Francisco García, alcalde de Allariz, ó carón de Miguel Anxo Fernández Lores.

O alcalde de Pontevedra detallou as claves do modelo humanizado que promoveu nas rúas, acadando varios premios

 O modelo urbano de Pontevedra protagonizou un Foro La Región onde o seu rexedor, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou as claves dun entorno humanizado que vén de acadar numerosos recoñecementos. Lores foi presentado polo alcalde de Allariz, Francisco García, quen destacou que o mandatario pontevedrés é un bo exemplo de que "a política serve para mellorar as condicións de vida dos cidadáns.

Ao tratarse Pontevedra dunha vila chá e compacta "era fácil facela peonil e reducir drasticamente o uso do motor", explicou Lores. Os obxectivos pasaban polo aumento da calidade urbana, o equilibrio medioambiental e o dinamismo económico. "Cando comezamos, Pontevedra era un almacén de coches", recordou.

O traballo comezou cunha "reforma integral das rúas" para corrixir varios servizos. Lores explicou que "o que se buscaba era recuperar o espazo público, que estaba ocupado por vehículos privados". "No primeiro mes sacamos 500 coches que impedían valorar o centro histórico", recordou, indicando que o proceso se desenvolveu "en diálogo con veciños e comerciantes".
O cambio das prioridades foi a clave do modelo pontevedrés, baseado en primar aos peóns por riba dos coches. "Eliminamos os tráficos de paso e prohibimos aparcar no centro", resumiu Lores. Así, o tránsito móvese agora por vías concretas.

Tamén apostou Pontevedra por promocionar o tráfico peonil e por baixar a velocidade de tránsito.O alcalde recordou que Pontevedra foi a primeira en fixar os 30 km/h no centro. "Levamos dous anos sen poñer multas por exceso de velocidade no centro", recordou.
Pontevedra conta con 600 "prazas de servizo" nas que estaciona temporalmente quen ten que usar o coche cunha necesidade concreta. Ademais, a cinco minutos do centro hai aparcamentos libres, grazas aos que "se reduce o número de vehículos".

Lores asegurou que se acadou que o 67% de desprazamentos fosen a pé e se reduciron as emisións de CO2 nun 66%. Isto provocou "un incremento nun 33% da poboación". "Hai que pensar nas persoas, que son as que viven nas cidades", dixo. Preguntado sobre se este modelo era aplicable en Ourense, o ponente apelou á "valentía política para facelo".

Te puede interesar