ENTREVISTA

Miguel Santalices: “Devolver transferencias? Claramente digo que non"

photo_camera Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia.

"O Parlamento na sociedad galega" é o lema do Foro La Región que terá o presidente do Hórreo como protagonista, nunha ponencia que se centrará na orixe e nos mecanismos da institución

O presidente do Parlamento de Galicia e deputado do PP é un firme defensor da "primeira institución" da comunidade autónoma. En tempos nos que desde algún sector se poñen en dúbida as competencias transferidas ás autonomías, el amosará no Foro La Región "o papel do Parlamento na sociedade galega", contando a orixe, o funcionamento, os mecanismos participativos ... O acto, que comeza ás 20,15 horas na sede Afundación, estará presentado polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. 

Hai que mostrar máis o Parlamento?

Na nosa liña está que non sexa unha institución pechada. O obxectivo é que a sociedad poida participar e para iso temos mecanismos como o "Lexisla con nós", para facer aportacións a leis en trámite; a formulación de preguntas ao goberno se a "compra" algún parlamentario ou a presentación de proposicións non de lei ou mesmo iniciativas lexislativas, mediante a recollida de sinaturas. 

Teñen interese nel os galegos?

Algunha iniciativa tense tramitado, logo parece que algo de interese hai. Outro dos apartados que nos permite mostrar a actividade é o programa de portas abertas. Os colexios e a cidadanía están a participar, merece a pena, non só desde o punto de vista da actividade parlamentaria, senón tamén desde o punto de vista do patrimonio. 

Dá a sensación de que o Parlamento é algo descoñecido...

O Parlamento sempre foi descoñecido. A xente confunde Xunta e Parlamento. De aí vén o noso traballo. Desde a creación da institución, hai 38 anos, non foi recoñecida pola sociedade, o que sorprende. Pero penso que nestes últimos anos empezamos a ser máis visibles. Recibimos premios, como o de Anfaco (asociación de fabricantes de conservas de pescado), o Celanova, Casa dos Poetas ou o Apecsa pola difusión do Camiño de Santiago. Pero é verdade que é descoñecido, e estamos loitando, non é unha tarefa fácil, pero é a primeira institución da comunidade e nela elabóranse leis de moito impacto. 

Coñecelo máis podería rebaixar a desafección política? 

Si. É bo que o Parlamento sexa coñecido, si. Pero tamén queremos saír fóra, temos que esforzarnos en que nos vexan.

Que tal a relación cos parlamentarios no día a día?

Aquí coñecémonos todos. Coñezo os deputados e eles coñécenme a min. Sei os trucos... Trato de ter unha relación cordial e institucional, sabendo da miña responsabilidade. En liñas xerais, non teño queixa. Os deputados son razoables. Non se teñen visto cousas como as que se presenzan ultimamente no Congreso. 

Moito se ten falado de partidos como VOX e a súa proposta de eliminar autonomías. Que pensa diso?

A VOX en Galicia non lle vexo pista. Galicia é unha comunidad moi asentada e os galegos teñen bastante claro o que queren. Non acabo de ver ese rexurdir... Os galegos séntense ben co seu goberno e a estabilidade que lles proporciona. 

Eliminaría competencias?

Síntome moi identificado co proceso de transferencias ás comunidades. Sobre todo en Sanidade. Antes, co Insalud, estabamos case abandonados. Agora, con algún problema puntual, temos unha sanidade de moita calidade. Antes era un calvario, non había nin transporte sanitario... Estabamos illados, ningúen pensaba en nós. Devolver transferencias? Claramente, non. Son un autonomista convencido e de corte galeguista. Estou satisfeito co Estatuto e a Constitución.

Andan os ánimos revoltos co proxecto de Presupuestos e Cataluña. Hai privilexios?

Este proxecto non é un exemplo de equidade entre comunidades. Isto vai traer problemas. Se empezamos con estas diferencias, mal asunto. Merece unha reflexión profunda para non xerar problemas. Penso que hai que corrixilo. 

Cavilando un pouco, á xente dálle un pouco de impresión de que Ourense morre aos poucos...

 Sempre se puxo a Ourense como exemplo diso, pero non comparto todo o que se di. Temos un envellecemento grande, pero en torno a iso hai moitas oportunidades, somos os que temos máis desenvolvida a atención aos nosos maiores.  E no reparto dos Orzamentos da Xunta, sempre temos o feito diferencial de que Ourense é a provincia na que máis se inviste per cápita. E temos algo moi importante, que é a Deputación. Que sería do mundo rural sen ela? O traballo que se está a facer é importantísimo no ámbito social, infraestruturas... Penso que desde a Xunta se está intentando compensar. 

Queda o AVE. Beneficiaranos?

Temos a gran oportunidade do AVE. Ourense ten unha isocrona especial. Temos unha posición privilexiada, especialmente unha comarca como O Ribeiro, que quedará preto de Vigo, Santiago e a dúas horas e media de Madrid. 

Te puede interesar