FORO LA REGIÓN

Paulo Rodríguez: "A tecnoloxía podería frear o problema poboacional no rural"

uploaded_paulo_rodriguez_img_2105-_result
photo_camera Paulo Rodríguez Fernández.

Ourensano de A Ponte, deixou o xigante Google por Dropbox en 2013, cando a startup estaba lonxe dos 500 millóns de persoas que a utilizan a diario como ferramenta na nube. O informático Paulo Rodríguez falará hoxe no Foro La Región da súa experiencia. A cita é as 20,15 horas no Marcos Valcárcel

A revolución de Dropbox.

Falarei de como afecta a tecnoloxía ao mundo no que vivimos. Estamos cambiando como sociedade e con ese contexto é máis fácil entender casos específicos como Dropbox, Google, WhatsApp ou Facebook.

Haberá rapaces que coma min estudaron na escola de informática e será interesante desmitificar o traballo nestas empresas grandes. Non é fácil traballar nelas, pero sí accesible. Ao final, eu son un rapaz de A Ponte, non son un xenio. É importante que a xente saiba destas oportunidades.

Desmitificando, que hai de lenda nas famosas "preguntas trampa" de xigantes coma Google en entrevistas de traballo?

Algunhas son mito. Nas primeiras épocas tocoume algunha, pero cambiou a metodoloxía. Google decatouse de que as preguntas sesudas non axudan a valorar a capacidade da xente. Os mecanismos de reclutamento evolucionaron, déronse conta de que quen che salva a situación é un tío que lle das un mercado que non coñece e é capaz de facer un plan efectivo e corrixilo cando as cousas van mal.

Deixou Google por Dropbox en 2013. Que viu?

Era feliz en Google, pero atraéronme dúas cousas de Dropbox. O movemento da "consumerización", é dicir, cando unha ferramenta usada polos cidadáns pásase ás empresas, iso crea unha revolución total. Nese momento, Dropbox era o máximo exponente desa revolución. O segundo motivo foi a cultura empresarial. Sempre fálase que Google é moi aberta. É certo, pero Dropbox é o seguinte nivel. Podes falar de ti a ti con directivos, o que importa é o que aportes. Isto é moi efectivo porque che da liberdade creativa e a min apetecíame estar nunha empresa máis pequena para ter acceso a esas experiencias de "arranque" nas que tes que facer de todo. Eu montei móbiles (risas).

Agora é arquitecto de solucións.

O noso equipo é unha división que traballa para empresas. O traballo é ir a elas e axudalas a entender como encaixa Dropbox no seu fluxo de traballo. Son tecnoloxías moi novas e hai xente que non está afeita a esta accesibilidade, isto é parte dun proceso de cambio que temos que facer cos departamentos de informática das empresas.

Que sectores son clientes seus?

As industrias creativas son un sector forte. Tamén a consultoría, e coma contrapunto a construcción. Aínda que é un sector clásico, é un fenómeno curioso e interesante para traballar porque estás intentando explicarlle á xente tecnoloxía que vai por diante e hai eses momentos nos que parece que acaban de descubrir a luz.

E autónomos?

Dropbox lanzou estes días un produto no que o obxectivo son os autónomos. As tecnoloxías democratizan o seu acceso e sen limitación xeográfica. A diferencia de facer o meu traballo en Dublín, Londres ou Verín hoxe non existe. A flexibilidade laboral extrema que permiten as tecnoloxías é algo por explorar aínda na sociedade. Se plantexamos isto ao extremo, podería frenar o problema poboacional no rural. A tecnoloxía pode ofrece outros tipo de vida aquí. En EE.UU isto está un pouco máis avanzado.

Ve posible esa forma de traballo no rural galego?

Si, aúnda que non vai ser sinxelo. Hai que facer moito traballo no  compoñente cultural. É un cambio social que vai acabar producíndose, hai que educar a xente e ensinarlle a entender a nova situación. Hai empresas galegas que traballan así. Son poucas, pero para o cambio hai que ver cousas distintas e aproveitar as vantaxes destas ferramentas

Conseguir que “Manolo o fontaneiro" xestione as súas facturas con Dropbox, por exemplo.

Efectivamente. A tecnoloxía ten que deixarnos tempo para ser humanos e facer o que facemos ben. Para que o  fontaneiro arranxe cañerías, o enxeñeiro de software programe e o creativo de medios faga deseños fermosos. A tecnoloxía sácalle o resto de problemas da mesa. 

Te puede interesar