FORO LA REGIÓN

"As pontes serven para unir pobos; na cidade de Ourense contei 38"

herve
photo_camera Juan Andrés Hervella Vázquez.

A partir das 20,30 horas, o Liceo acollerá a conferencia "Pontes, lugares seguros de paso", a cargo do ourensán Juan Andrés Hervella Vázquez

O Foro La Región aborda hoxe a conferencia "Pontes, lugares seguros de paso", a cargo do ourensán Juan Andrés Hervella Vázquez, xubilado dende hai un ano. Nado no primeiro edificio construído na rúa do Progreso, foi técnico de turismo no Concello de Ourense. A cita será ás 20,30 horas no Liceo.

Cales foron as súas responsabilidades no Concello de Ourense?

Entrei no 1992 despois de superar a oposición. Estiven na sección de Tráfico colaborando coa Policía Local e, dende 1996, pasei a depender da Oficina de Turismo. Primeiro estivo sita nas Burgas e despois trasladouse aos baixos do Padre Feijóo. A miña labor era atender ós turistas que viñan pola oficina e facer visitas guiadas. Cheguei a facer moitísimas visitas turísticas tanto para escolares como para xente que viña de fóra. Fixen de guía ao ministro Gallardón cando veu a Ourense. 

Cantas pontes hai no Concello de Ourense?

No meu libro "Pontes, lugares seguros de paso", publicado pola Deputación no 2015, recollo aquelas pontes nas que pasa un curso, grande ou pequeno, por debaixo. Segundo o meu cálculo, hai 38.

Que caracteriza ás pontes ourensás?

O curioso das pontes de Ourense é que son distintas. Nas referidas ao Miño, cada unha é da súa época. Por exemplo, a Ponte Nova é dos inicios do século XX e a do Milenio representa o modernismo. As pasarelas peonís como a de Outariz tamén son un símbolo para a cidade polo que representan as termas. Cada unha ten o seu significado.

Que función cumpren as pontes?

A de unir pobos. Por exemplo, a base fundamental da ponte do Milenio foi a raíz do peche da ponte Romana ao tráfico. A zona da Ponte quedara desprotexida. Foi unha maneira de unir ambos concellos. O Concello de Canedo era independiente do de Ourense e, dalgunha maneira, houbo un pouco de problema cando se fixo a estación de tren. Dicían que era curioso que fosen a facer a estación noutro concello e non en Ourense capital. Esta foi unha das causas pola que se edificou a estación de San Francisco, que hoxe practicamente está sen uso.

En que proxectos traballa na actualidade?

Estou pendente dunha publicación sobre os xardíns da cidade. Actualmente, estou facendo un percorrido polos castelos da provincia. 

Non cre que as institucións deberían coidar os castelos en ruínas da provincia?

Os concellos son os responsables da vixiancia do patrimonio pero non poden afrontar as restauracións polo que son os encargados de dar conta da situación á Xunta de Galicia. Moitas veces ocorre que certos castelos e, sobre todo, torres, non pertencen ao concello de turno, senón son de titularidade privada como a de Sande ou a de Puga. Aquí hai conflito de intereses porque no momento no que se intente facer algo hai que contar coa autorización dos propietarios, que soen ser remisos a ceder a súa propiedade. Os gobernos municipais vense con dificultades para poder facer estas xestións. 

Te puede interesar