ENTREVISTA

Ángel García: “O que temos en Oleiros lográmolo a pulso,
non con agasallos"

<p></p>
photo_camera Ángel García Seone, alcalde de Oleiros.

Non é sinxelo manter a Alcaldía nun Concello durante 36 anos; tampouco o é facelo dende unha formación independente.

Non é sinxelo manter a Alcaldía nun Concello durante 36 anos; tampouco o é facelo dende unha formación independente. Ángel García Seoane rexe o municipio coruñés de Oleiros en representación de Alternativa dos Veciños. No Foro La Región,hoxe ás 20,15 horas no Centro Cultural 'Marcos Valcárcel', este político exporá a natureza deste proxecto e os seus beneficios.

Leva 36 anos no goberno, e aínda así, reivindícase coma ‘Alternativa'...

Agora que todo o mundo fala de 'políticas novas', a nosa política de 36 anos é máis nova ca ningunha delas, porque levamos todo este tempo aplicándoa. Ninguén nos ten que dicir como temos que facer, e ademais é moi difícil facelo, porque para iso hai que realizar un traballo e nós realizámolo. Os froitos están aí á vista: hoxe Oleiros é un Concello envexado sanamente por moita xente en Galicia.

En que consistiron estas accións?

Son unhas políticas que foron moi duras, porque era necesario que fose así, e que buscaban poñer orde neste Concello. Cando nós entramos había moita especulación; acabamos con ela, fixemos un planeamento, programamos todo o municipio e puxemos orde. A partir dese momento, comezamos a facer o labor social coas persoas maiores, os mozos e os colectivos, e hoxe Oleiros é un fervedoiro cultural. Hai un nivel de vida medio-alto, e a poboación creceu. Moitos veciños decidíronse por vir a Oleiros pola calidade de vida, que é recoñecida por calquera visitante. Temos 26 quilómetros de costa totalmente preservada, somos un Concello turístico sen ter o cemento de Sanxenxo. É un territorio verde, coidado, cheo de parques, de paseos, de lugares para a convivencia e entidades públicas: hai 13 casas do pobo, 37 polideportivos, cinco pavillóns, catro piscinas climatizadas...

É alcalde nunha provincia de gran peso das ‘mareas'. Como lle inflúe a Alternativa?

Eu son de esquerdas, e vén de votarnos unha parte importantísima de persoas de dereitas. Que se pregunten todos estes que queren coller votos de todos os lados. En canto á miña relación coas 'mareas', é amistosa coma con todo o mundo. Son formacións que veñen do mundo da esquerda, pero o problema dáse cando un grupo está composto de moitos grupos, porque xera moitas dificultades para gobernar. Alternativa dos Veciños foi un grupo sempre único, non había siglas doutros partidos, e así foi sempre. Ese orde nos levou a levar gobernando 36 anos, 28 deles en minoría.

Durante os seus gobernos en minoría, quen foi o seu principal socio de goberno?

Nunca tivemos socio algún, baseábamonos en pactos puntuais, ás veces con uns, outras con outros... buscábamos un acordo que fose bo para os veciños. Tamén tiñamos unha base social moi grande, e cando había algún problema convocábamos asembleas, e a ver quen lle dicía que non ao pobo...

A aparición de novos partidos reforzou o diálogo en moitas corporacións. Considérase un precursor?

Nós tivemos un diálogo con todo o mundo, sempre poñendo por diante que Oleiros era Oleiros. Pero, por exemplo, o expresidente Touriño nunca me recibiu durante os anos que estivo na Xunta, cousa que si fixo Fraga. A pesar de ser unha persoa de esquerdas, nunca tiven ningún problema con que Fraga me recibise, pero con Touriño si; e o presidente actual tampouco me recibiu nunca. O que nós temos aquí lográmolo a pulso, non por agasallos de ninguén.

Como valora a situación do Concello de Ourense?

Creo que a cidade de Ourense non merece o que lle está a acontecer. É unha cidade emblemática, que eu coñezo ben polo meu pasado musical, e non hai dereito que se vexa inmersa en tanto lío porque 'politiqueros' vaian ao Concello a se servir dos cidadáns, e non a servir ao pobo. É dramático ver todo o que leva pasado nestes últimos anos.

Con cal dos seus grupos municipais se identifica máis?

Non os coñezo políticamente, e non quero amistarme con alguén que ao mellor no é o que quero.

Te puede interesar