SEGUNDO RASTREATOR.COM

O 23,5% dos galegos non conta con ningún tipo de aforro

O endebedamento segue sendo a principal preocupación do 50% dos galegos, que atribúen esta situación á falta de estabilidade laboral

O 23,5% dos galegos afirma non contar con ningún tipo de aforro para imprevistos e vivir "ao día", segundo un informe realizado polo comparador online Rastreator.com con motivo da celebración este venres do Día Mundial do Aforro.

Segundo este documento, o endebedamento segue sendo a principal preocupación do 50% dos galegos, que atribúen esta situación á falta de estabilidade laboral nun 27% dos casos, á ausencia de aforros (24,3%), ao crecemento da súa débeda nos últimos anos (14%) ou a situación de desemprego que sofren ou poderían sufrir (13%).

O 60% os endebedados galegos afirma estalo pola hipoteca da súa vivenda, seguido por un 23% que o está polo coche e un 9,2% polos estudios. Outros motivos de endebedamento dos galegos son emprender un negocio (4,6%), as viaxes (4,6%) e enfermidade (1,5%).

En canto á capacidade aforradora, un 76% dos galegos afirma ter aforros para afrontar imprevistos. Non obstante, unha análise revela que o 14% non ten máis de 3.000 euros e o 13% non chega a 1.000 euros de aforro. O 23,5% dos galegos asegura que non ten nada aforrado xa que "vive ao día".

O que máis preocupa

O estudio indica que o gasto ou imprevisto que máis preocupa aos galegos é a enfermidade (40%), seguido do despedimento (29,5%), as avarías do fogar ou o coche (23,5%) e as posibles axudas a familiares e amigos (7%).

Entre os principais motivos de aforro dos cidadáns galegos destaca protexerse ante posibles imprevistos (78,2%), seguido da xubilación (27%), viaxar (27,8%) ou os estudios dos seus fillos (25,2%). As compras de grande valor (18,2%) e montar novos negocios (6%) tamén atópanse entre os principais motivos.

Dende que comezou a crise o 67% dos enquisados afirma enfrontarse a unha perda importante de poder adquisitivo. Deles, un 56,2% admite sufrir unha diminución de ata 3.000 euros e un 43,75% sostén que a diminución foi superior.

Te puede interesar