SALUD

Adquiridas 530.000 doses de vacina antigripal para a campaña que comezará o 24 de outubro

índice
photo_camera EFE

290.000 correspóndense coa vacina antigripal convencional que pode ser utilizada a calquera idade a partir dos seis meses de vida e 240.000 son dose de vacina intradérmica, que se emprega en persoas ingresadas en residencias da terceira idade

A Consellería de Sanidade adquiriu este ano un total de 530.000 doses de vacinas antigripais para a presente campaña que comezará o 24 de outubro e durará ata o 23 de decembro. Delas, 290.000 correspóndense coa vacina antigripal convencional que pode ser utilizada a calquera idade a partir dos seis meses de vida e 240.000 son dose de vacina intradérmica, que se emprega en persoas ingresadas en residencias da terceira idade e no resto de persoas maiores de 75 anos.

O presuposto total para esta actuación ascende a 1.897.688 euros, IVE incluído, tal e como informou o presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, tras a reunión semanal do seu goberno, a primeira dende as eleccións do pasado domingo.

Feijóo tamén indicou que ingresaron 1.700 galegos na pasada campaña, moitos deles na UCI e a maioría "non vacinados", aínda que non precisou a porcentaxe fronte ao total.

O principal obxectivo desta campaña é minimizar o impacto na saúde da gripe na poboación galega mediante a prevención, tratando de diminuír o número e a gravidade das complicacións derivadas de padecela.

A vacina da gripe reduce a incidencia da enfermidade e, especialmente, diminúe a frecuencia de complicacións secundarias, así como o risco de hospitalización e morte relacionada coa gripe en persoas maiores, con ou sen condicións médicas de risco, e noutras persoas con patoloxías previas.

En 2016, manteranse as indicacións de vacinación das campañas dos últimos anos, ofertando esta posibilidade ás persoas con maior risco de padecemento da enfermidade e as súas complicacións: persoas de 60 anos ou máis e persoas menores desa idade pertencentes aos grupos de risco -persoas con patoloxías crónicas (cardíacas, respiratorias, renais, endócrinas...), persoas con cancro ou outras inmunodeficiencias, persoas con obesidade mórbida e persoas con disfunción cognitiva, entre outros colectivos-.

Ademais, tamén está recomendada para persoas con posibilidade de transmisión a grupos de risco, entre os que se atopa o persoal sanitario e traballadores esenciais para a comunidade.

ACCESO EN TODA A COMUNIDADE

Co fin de que toda a poboación diana teña garantido un doado acceso a esta vacina, a Consellería de Sanidade contará con 900 puntos de vacinación repartidos por toda a comunidade: centros de saúde, hospitais da rede Sergas, centros sanitarios privados, residencias da terceira idade e outros centros residentes susceptibles de beneficiarse desta vacinación e centros penitenciarios.

A composición da vacina antigripal cambia todos os anos e as vacinas que se empregarán nesta campaña foron xa adquiridas, como os últimos anos, a través do acordo marco coordinado polo Ministerio de Sanidade.
 

Te puede interesar