ENTREVISTA A ANTÓN SÁNCHEZ

"Agardemos que no PSOE gañen as bases e non os da gran coalición"

Ascendeu paseniño ata hoxe, cando o seu criterio non pasa desapercibido nin para En Marea, nin para Anova, nin no Hórreo, onde ocupa escano. "Galicia está na vangarda da política estatal". Aí ten algo que dicir.

Por que non funcionou a fórmula de converter En Marea en partido instrumental?

Como Anova propuxemos concorrer como instrumental porque pensamos que era un paso cara adiante na posibilidade de ter grupo propio. Era darlle máis posibilidades a camiñar cara unha fórmula que sobrepasara a coalición de partidos e de que participara xente non adscrita a organizacións. Desgraciadamente non foi posible porque outros actores non o consideraron oportuno. Nestes espazos plurais sempre hai que chegar a un punto de encontro.

O feito de non acadar grupo propio foi frustrante?

Puxemos todo da nosa parte para que así fora. Había vontade de selo, cumpriamos todos os requisitos e a Mesa do Congreso, con PP e Ciudadanos sumando maioría, non quixo asumir o carácter plurinacional do Estado. Tomaron unha decisión discrecional dende o noso punto de vista. Pero o importante é a vontade de actuar como un grupo autónomo que representa a esquerda de Galicia, alén da cuestión xurídica.

Hai disfuncións non funcionamento da confluencia?

Non, vivímolo con moita naturalidade e evidentemente o único xeito de lograr avances é mediante a unidade popular. En Anova sempre apostamos por eso, xa dende AGE. Galicia está na vangarda da política a nivel estatal apostando antes que ninguén pola confluencia. Sabemos que é complexo, é dificil casar organizacións con culturas políticas diferentes e trátase dun proceso moi acelerado. Hai tensións que son abondo coñecidas pero sempre impera a responsabilidade.


Teñen liñas vermellas á hora de apoiar un pacto de goberno?

Non falamos de liñas vermellas porque colocan en escenarios diferentes. A nós non nos vale con mudar as caras, tamén as políticas. Aí si que temos unha posición. Son principios de camiñar cara a ruptura cun réxime que ten institucións con intereses moi concretos. E en En Marea partimos de que Galicia é un suxeito político soberano que precisa maior autogoberno que desenvolva políticas para as persoas.

No caso de se producir ‘sorpasso', cre que eso pode ter efectos sobre os posibles pactos cos socialistas?
 

Veremos como son os acontecementos. Eu creo que as confluencias e Unidos-Podemos vanlle estar disputando ao PP a primeira posición. O PSOE terá que decidir cara onde camiña. A nós gustaríanos que camiñase cara un goberno de progreso porque creo que é o que queren as bases socialistas.

Dentro do PSOE, nas cúpulas, hai quen aposta polo camiño inverso. Agardemos que gañen as bases e non aqueles que pretenden unha gran coalición.

Hai membros importantes de En Marea que o sitúan como candidato á Xunta.

Non sei, pero nos temos que poñer inmediatamente dacordo no método de escolla desa persoa. Tanto nesa como as outras que representen o programa político. Unha vez que nos poñamos dacordo, hai persoas capacitadas para encarnar ese proxecto. O que estamos vendo é a emerxencia de moitos liderados como sempre que se crean espazos para que a xente asuma responsabilidades. Irémolo vendo. 

Te puede interesar