PRESUPOSTOS 2015

AGE carga contra "as trampas contables" dos presupostos da Xunta

A vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, denunciou que "non é certo que creza a inversión" cos presupostos do ano que ven habrá "máis recortes, pobreza e paro"

A vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, denunciou que "non é certo que creza a inversión" nos presupostos da Xunta, xa que "se están a facer trampas contables", pois "crece o capítulo 6 (inversión), pero baixa o capítulo 7 (transferencias de capital)", polo tanto "non crece a inversión, é falso, non hai ningunha medida anticíclica que anticipe que se poida saír da crise".

"Non soamente non imos saír da crise, senón que se van empeorar as consecuencias dramáticas do Partido Popular, con máis recortes, máis pobreza e, polo tanto, con máis paro", censurou en declaracións aos medios no Parlamento galego tras a presentación dos presupostos.

Así, reiterou a idea expresada por AGE esta fin de semana de que os presupostos "son un sudoku contable", na que "son sempre as mesmas cifras cambiadas de sitio", xa que aínda que se fale "en termos nominais" de que vai haber un aumento do 0,5% de inversión, en "termos reais" vai baixar.

Ao respecto, referiuse a "unha perda terrible" de peso presupostario dende que goberna Alberto Núñez Feijóo en Galicia que dá lugar "a un país que se vai empequenecendo". "Cada vez vai minguando e somos máis pobres, máis pequenos", abundou.

Así mesmo, alertou da "destrución de emprego público" que suporá "o despedimento de 6.000 empregados públicos", baseándose nos cálculos feitos por AGE. Todo iso, vai levar a Galicia a "unha dramática senda de paro, de desemprego e de miseria".

Por iso, Díaz cre "radicalmente falso" que se vaian dedicar oito de cada 10 euros a políticas sociais, pois tanto en sanidade como educación "son as partidas que máis se reducen dende que goberna Feijóo, no que vai "recortes ideolóxicos". Ademais, sobre os incrementos na Risga critica que "hai un atraso de oito ou nove meses" na súa tramitación".

Aínda que dixo que ten que ver en profundidade os presupostos, denuncia que "poden ser os drones os que se están a imputar" para as áreas de emerxencias" o que faga subir o presuposto de Vicepresidencia e a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Te puede interesar