CASO CURSOS DE FORMACIÓN

O alcalde de Dozón pide a baixa temporal como militante do PP

Adolfo Campos Panadeiros esperará ata que "non se aclare a súa situación xudicial" para "salvaguardar e non prexudicar os intereses do partido"

O alcalde de Dozón (Pontevedra), Adolfo Campos Panadeiros, solicitou a suspensión temporal de militancia no PP ata que "non se aclare a súa situación xudicial" para "salvagardar e non prexudicar os intereses do partido ata que non se esclarezan os feitos".

Diso informou este sábado o PP de Pontevedra nun comunicado, no que aclarou que a causa aberta "non "ten que ver" coa xestión de Campos no Concello de Dozón, senón que "é unha investigación sobre o grupo de empresas nas que non exerce tarefas executivas dende hai máis de dez anos. Tan só ten unha presenza honorífica", precisou.

Así mesmo, na nota de prensa remitida aos medios este sábado, o PP de Pontevedra tamén explica o fillo do rexedor e tenente de alcalde desta localidade, Adolfo Campos Vázquez, non solicita a baixa xa que "non está afiliado ao PP".

DETENCIÓN

En concreto, Alfonso Campos Panadeiros foi detido o venres xunto a outras tres persoas, no marco da chamada 'Operación Qatedra', que investiga supostas irregularidades en cursos de formación que recibiron subvencións e non chegaron a celebrarse.

Entre os arrestados pola Garda Civil incluíase o fillo do propio rexedor de Dozón e tenente de alcalde deste municipio.

Todos os detidos quedaron libres tras pasar por dependencias policiais, á espera de ser chamados pola autoridade xudicial, e impútanselles os supostos delitos de estafa, falsificación de documento público e fraude de subvencións.

Te puede interesar