AUTOBUSES

Ampliado ata o luns o prazo para presentar ofertas ao plan de transporte público de Galicia

A Xunta asegura que o fai "atendendo á solicitude das pequenas e medianas empresas"

A Xunta ampliou ata o vindeiro luns o prazo para a presentación de ofertas para prestar os servizos do plan de transporte público de Galicia, que acababa este mércores.

Faino "en atención ás numerosas solicitudes de pequenas e medianas empresas de transporte", segundo indica nun comunicado de prensa no que explica que a Dirección Xeral de Mobilidade aprobou este martes unha resolución que establece que as ofertas poderán presentarse ata as 12,00 horas do próximo 24 de xullo.

Con esta decisión, a Consellería de Infraestruturas defende que pretende "fomentar a máxima participación no procedemento das novas liñas de transporte, facilitando o acceso das pequenas e medianas empresas do sector que demandaron un maior prazo para poder presentar mellores ofertas para a prestación dos servizos".

Asegura o departamento que a "vontade de facilitar a participación das pequenas e medianas empresas é un dos grandes obxectivos do Goberno galego" na posta en marcha do plan.

Así o demostra, segundo subliña, o feito de que o prego de condicións estableza que cada empresa, grupo empresarial ou empresas vinculadas "poderá resultar adxudicatario dun máximo de 10 contratos de transporte público".

Ademais, no proceso de contratación do dez contratos de menor volume, segundo engade, "priorizaranse as ofertas que presenten as pequenas empresas".

"Outro dos grandes obxectivos neste proceso de contratación é o de primar a calidade e a seguridade na prestación dos servizos sobre os aspectos económicos das ofertas", resalta a nota.

Con ese fin, di, "na valoración das ofertas teranse en conta aspectos tales como a antigüidade máxima e media dos vehículos, os cintos de seguridade ou a dotación dunha base ou instalación fixa que permita acurtar os tempos de resposta".

Explica a consellería que estes criterios terán "un peso diferente" en función do tipo de servizo do que se trate e, así, por exemplo, para as liñas que operen nas contornas metropolitanas puntuarase "o compromiso de instalación de dispositivos de cobro homologado cos cartóns do transporte metropolitano de Galicia".

Ademais, o prego prevé "xa" as esixencias técnicas necesarias para facer posible a posta en marcha dos plans de transporte metropolitano nas áreas de Ourense e Pontevedra.


TRANSPORTE COMPARTIDO

No caso dos servizos de transporte escolar de uso compartido, cobrará "especial relevancia", segundo Infraestruturas, a adscrición de vehículos provistos de cintos de seguridade.

Neles valorarase tamén a estabilidade e a seguridade do persoal acompañante para garantir a calidade do servizo e terase en conta o incremento de quilómetros de servizo sobre os establecidos nos proxectos de explotación, ademais da oferta que se presente para a realización de servizos complementarios.

Te puede interesar