O avogado do violador do estilete presenta un recurso para pedir a súa liberdade ou unha medida 'menos gravosa'

O avogado de Félix Vidal Anido, coñecido como o violador do estilete, presentou este martes un recurso contra a medida de prisión provisional ditada polo Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo para pedir a súa posta en liberdade.

O avogado designado de oficio, Marco Candal, comentou que Vidal Anido "ten coartada" porque, segundo alega, "estaba noutro sitio", segundo di ía nun autobús cando sucedeu o intento de agresión polo que foi enviada a prisión a fin de semana.

Deste modo, a defensa de Vidal Anido solicita a súa posta en liberdade ou que a medida de prisión provisional "se cambie por outra menos gravosa" para este.

O recurso de reforma foi presentado ante o Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo, por ser o que decretou a medida preventiva tras pasar a disposición xudicial. En caso de que sexa desestimado, a defensa do violador do estilete xa avanzou que presentará recurso de apelación ante a Audiencia Provincial.

Tras saír de prisión a finais do ano pasado a consecuencia da sentenza do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos que derrogou a coñecida como doutrina Parot, o violador do estilete permanece en prisión provisional en Bonxe despois de ser detido o pasado venres por un intento de agresión acontecido o mércores anterior na cidade de Lugo.

Despois de saír de prisión, Félix Vidal instalouse na parroquia de San Martiño de Barreiros, en Pol (Lugo), onde residen os seus pais, tras cumprir máis de 30 anos de prisión por medio centenar de ataques a mulleres.

Te puede interesar