As axudas á paralización definitiva dos buques pesqueiros para 2014 superan os 13,2 millóns

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes as bases reguladoras das axudas á paralización definitiva dos buques pesqueiros e a convocatoria para 2014, cunha contía superior a 13,2 millóns de euros.
 

O obxecto destas subvencións, explica a Consellería do Mar nun comunicado, é "adecuar a capacidade pesqueira da flota aos recursos mariños mediante a redución do esforzo pesqueiro". Busca, con iso, lograr "un equilibrio sostible que asegure que a pesca siga sendo unha actividade de desenvolvemento económico" para a comunidade.

O importe das axudas será cofinanciado polo Fondo Europeo da Pesca e poderán optar a elas os propietarios de barcos da terceira lista do rexistro de matrícula de buques que estean dados de alta no rexistro de buques pesqueiros da Comunidade Autónoma e no censo da flota pesqueira operativa, e estean incluídos nun plan de axuste do esforzo pesqueiro que non sexa o plan de xestión do caladero Cantábrico Noroeste --por ter este a súa convocatoria específica, que foi publicada este luns--.

Ademais, o buque deberá ter un actividade pesqueira mínima de 90 días de pesca en cada un dos dous períodos de 12 meses anteriores á data de solicitude de paralización definitiva ou 120 días de pesca nos 12 meses anteriores á data de presentación da solicitude. A embarcación debe ter unha antigüidade mínima de 10 anos.

Te puede interesar