FAMILIAS NECESITADAS

Benestar presentará 'en menos dun mes' un estudio para determinar a situación da pobreza infantil en Galicia

A Xunta busca a "fórmula máis axeitada" para cumprir o mandato da Cámara de velar pola alimentación de nenos en situación vulnerable

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, anunciou que o seu departamento presentará "en menos dun mes" un estudio para determinar, "máis alá de calquera outra interpretación" e dende o "coñecemento real e rigoroso", cál é a situación da pobreza infantil en Galicia.

En declaracións aos medios, tras participar na presentación de Biospain 2014, Mato explicou que este informe estará desenvolvido por profesionais e "non solo de entidades e ONG que traballan coa poboación con dificultades económicas ou en risco de exclusión social.

Á súa elaboración súmanse traballadores sociais, do sector educativo e do ámbito da pediatría. Cando estea sobre a mesa, Mato explicou que a Xunta poderá extraer "conclusións" para concretar as medidas a levar a cabo e atender de inmediato, se as houbese", as necesidades "básicas" ligadas á infancia na comunidade.

Por outra banda, tamén sinalou que a Xunta busca "a fórmula máis axeitada" para dar resposta á iniciativa aprobada por unanimidade na Cámara que insta o Executivo que dirixe Alberto Núñez Feijóo a "levar a cabo as medidas necesarias" para evitar que ningún neno "careza de alimentación ou sustento necesario" por estar as súas familias en situación de vulnerabilidade.

Para iso, o Parlamento propuxo poñer en marcha convenios cos concellos interesados, "podéndose usar as instalacións dos centros educativos" en colaboración cos servizos públicos de benestar".

"O MÁIS RÁPIDO POSIBLE"

Preguntada sobre se cree que dará tempo a abrir os comedores cando remate o curso se fose necesario, a conselleira sinalou que a Xunta intenta responder a cada necesidade "o máis rápido posible" e insistiu, sen dar máis datos, en que agora define "o mellor xeito de facelo".

A xeito de exemplo do compromiso da Xunta coas familias con dificultades, aludiu ao incremento presupostario da Renda de Integración Social de Galicia (Risga) "ano tras ano", antes de reiterar que dentro da Xunta, Educación e Traballo buscan "a fórmula máis axeitada" para garantir que ningún menor ten problemas de alimentación básica na comunidade.

Neste sentido, sinalou que o Parlamento aprobou esta iniciativa a semana pasada. "Estamos a martes e daremos canto antes unha resposta liderada por esta Consellería", resolveu.

Te puede interesar