A catedral de Tui recupera a carraca, en desuso desde 1955

A carraca da catedral de Tui volverá soar nesta Semana Santa despois de permanecer 59 anos en desuso, unha vez finalizados os traballos de restauración.

A carraca, que data do século XVIII, está composta por oito taboleiros de madeira con 16 marteliños que, ao se golpearen, produce un son que tradicionalmente era usado no Xoves Santo, Venres Santo e Sábado Santo.

O persoal do obradoiro de emprego "Tui Emprende" encargado da súa restauración recolocouna nesta mañá no campanario da catedral, informou unha nota da corporación local.

A carraca era usada tradicionalmente durante a Semana Santa para substituír o repique dos sinos que, en sinal de loito, debían permanecer en completo silencio do Xoves Santo até o Domingo de Resurrección.

O instrumento parou de estar en uso por volta de 1955 cando o papa Pío XII mudou a liturxia da Semana Santa.

Te puede interesar