GALICIA

Detida en Santiago unha parella por roubar carteiras e usar a documentación para obter diñeiro

A parella apropiábase da identidade das súas vítimas e construía "unha vida paralela", segundo relata a Policía, coa contratación de contas bancarias, contratos de telefonía e microcréditos,

Axentes da Policía Nacional detiveron o pasado día 24 en Santiago de Compostela dous individuos por un delito de usurpación do estado civil, por dúas faltas de furto e unha de estafa. Atribúenlles aos individuos a subtracción de carteiras por toda Galicia e o uso de documentación allea para obter diñeiro e efectos.

Segundo informou a Policía, estes feitos producíanse dende o ano 2011 en varias localidades galegas. A parella dedicábase a subtraer carteiras en sitios públicos, como ximnasios, liñas de tren de proximidades ou lugares moi concorridos, e con elas, aparte do beneficio económico polo diñeiro en efectivo, usaban a documentacións e as súas tarxetas para financiarse.

A parella apropiábase da identidade das súas vítimas e construía "unha vida paralela", segundo relata a Policía, coa contratación de contas bancarias, contratos de telefonía e microcréditos, así como tamén a estanza en hoteis e o aluguer de vehículos.

Con estas actuacións conseguían que os denunciantes, aparte da perda económica, se convertesen en "vítimas dun maltrato na súa integridade", segundo resalta a Policía, por ser identificados en "multitude de feitos delituosos" como presuntos autores deses delitos.

En xuño deste ano, na localidade de Marín (Pontevedra), o detido fíxose pasar por outra persoa usando a súa documentación para aloxarse en hoteis, adquirir créditos e liñas de teléfono. En ocasións estaba acompañado da súa parella sentimental, que tamén usaba a identidade doutra persoa coa documentación subtraída en Gondomar.

Modo de vida

En outubro deste ano, acudiron a un ximnasio de Santiago para realizar a preinscrición facilitando a identidade dunha das súas vítimas de furto e a intención da parella, segundo o relato policial, "non era outra que a de subtraer máis documentacións co fin de continuar coas súas carreiras delituosas, segundo demostran os antecedentes que posúen, que no caso do home, posuía máis de vinte reseñas". Tras a súa detención, chegaron a afirmar ante os axentes que era o seu modo de vida.

Coas documentacións subtraídas financiaban artigos en diversos establecementos comerciais e solicitaban empréstitos en distintas entidades de concesión de créditos rápidos. Tamén chegaron a sacar uns 3.000 euros en efectivo no interior das sucursais bancarias.

Tras unha "complexa investigación", segundo destaca a Policía, e relación dos feitos similares acontecidos por toda a xeografía galega, o home de 39 anos e a muller de 19 foron detidos por axentes en Compostela. Vigo,

Pontevedra, Marín, Gondomar e Santiago son algunhas das localidades nas que actuou esta parella de delincuentes. Na súa detención, a Policía interveulles diversa documentación a nome de varias persoas, varias tarxetas bancarias das vítimas, así como numerosos recibos de diferentes sucursais.

Os dous detidos quedaron en liberdade con cargos tras pasar o mércores a disposición xudicial, segundo precisaron as mesmas fontes policiais.

Te puede interesar