SISTEMAS DE RETENCIóN INFANTIL

A DGT inicia un dispositivo especial de control do uso do cinto e dos sistemas de retención infantil

Un 20% dos falecidos en accidentes de tráfico durante este verán non levaban posto o cinto

A Delegación do Goberno en Galicia informou de que dende este luns e ata o próximo domingo, día 14, se desenvolverá unha campaña especial de control de uso do cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil.

Durante unha semana, os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil incrementarán os controis comprobando que tanto condutor como ocupantes dos vehículos fan uso do cinto de seguridade. Así mesmo, os axentes examinarán que os menores viaxan cos correspondentes sistemas de retención infantil axeitados ao seu peso, idade e estatura.

Así mesmo, sempre que sexa posible, tanto os paneis de sinalización variable como as pantallas alfanuméricas dos vehículos de r*que atopen nas inmediacións, advertirán aos condutores da existencia próxima de controis.

A Delegación do Goberno en Galicia explicou que o uso de sistemas de retención homologados, cinto de seguridade e sistemas de retención infantil se veu demostrando como o sistema de seguridade vial "máis sinxelo e eficaz" en todo tipo de vías e traxectos, ademais de ser imprescindible para que o 'airbag' actúe con total seguridade.

"SEGURO DE VIDA"

"O cinto de seguridade é un seguro de vida", considerou o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, quen recordou que un 20% dos falecidos en accidentes de tráfico en Galicia durante este verán non levaban posto este dispositivo obrigatorio.

Esta campaña coincide co comezo do curso escolar e por iso Tráfico recorda a aqueles pais a obriga que teñen de levalos sentados cos sistemas de retención infantil axeitados. A DGT estima que o 43% dos menores viaxa incorrectamente cos sistemas de retención infantil e o 37% faino sen eles. O seu uso axeitado reduce un 75% o risco de lesións en caso de accidente.

A obrigatoriedade do uso do cinto de seguridade ou dos sistemas de retención infantil por parte de condutores e ocupantes dos vehículos cando se circula por calquera tipo de vía está regulada amplamente na lexislación vixente. O incumprimento desta norma está tipificado como infracción grave, e sanciónase con multa de 200 euros e perda de 3 puntos no caso dos condutores.

Te puede interesar