NARCOTRÁFICO

Exjefe de Udyco ve posible que haxa "informadores" a narcos dentro dos corpos de seguridade

"Isto non é Colombia, nin Venezuela nin México", salientou, para insistir, a continuación, en que "estes casos poden darse, pero son esporádicos"

O excomisario da 'Unidad de Delincuencia y Crimen Organizado' (Udyco) en Galicia Enrique León, que loitou contra a droga na comarca de Arousa e, singularmente, en Vilagarcía, reduciu o número de casos de "informadores" ou "topos" dentro das forzas de seguridade do Estado a situacións "moi esporádicas". Así, aínda que defendeu que se detectan internamente, recoñeceu que os hai xa que, de feito, as redes de delincuencia organizada traballan con se 'modus operandi'.

Nunha entrevista o actualmente vicepresidente da Fundación Galega contra o Narcotráfico incidiu en que a existencia de informadores "non é unha cousa esaxerada". "Isto non é Colombia, nin Venezuela nin México", salientou, para insistir, a continuación, en que "estes casos poden darse, pero son esporádicos".

A xuíza Carmen Lamela, que dirixe a macrooperación `Mito` na que foron detidas case 40 persoas por delitos de narcotráfico e branqueo de capitais, entre elas o narco galego Sito Miñanco, apuntou que a rede que investiga e que lideraría José Ramón Prado Bugallo contaría con topos dentro do ámbito policial.

Ao ser preguntado por se ten constancia de que as redes que introducen droga contan con colaboradores dentro das forzas de seguridade, Enrique León sinalou que "estes casos poden darse, pero son esporádicos".


De feito, lembrou que na Audiencia de Pontevedra acaba de ter lugar un xuízo a dous gardas civís por dar información sobre dispositivos policiais a narcotraficantes. Así, atribuíu a "resonancia mediática" destes casos a que, precisamente, "son moi esporádicos", aínda que --admitiu-- "o perigo pode existir"


De todos os xeitos, asegurou que "si" hai suficientes controis dentro das forzas de seguridade e que o departamento de asuntos internos actúa inmediatamente "cando saltan as alarmas". "E acaban chegando a eles", afirmou, aínda que lamentou que "o diñeiro é moi goloso" e atraia a axentes da orde.

"Arrepentimento"

O que foi comisario na loita contra a droga --actualmente é vicepresidente da Fundación Galego contra o narcotráfico-- tamén se referiu á situación das persoas implicadas en delincuencia organizada e, particularmente, no narcotráfico. "O propósito de emenda para estes señores non existe", dixo, con contundencia, a preguntas de Europa Press.

Enrique León asegurou que "no 99,9 por cento dos casos" de persoas implicadas en redes de delincuencia organizada "non hai arrepentimento nin propósito de emenda", aínda que non quixo referirse a ningunha persona en concreto.

"Poden dicir que están arrepentidos para conseguir beneficios para a súa condena, pero arrepentimento en escasísimos casos. É posible que sexa moi crítico neste aspecto, pero é o que vivín en 40 anos de vida profesional", aseverou.

O excomisario non deu nomes concretos pero, precisamente, Sito Miñanco estaba a gozar dun réxime de semilibertade após cumprir parte da súa condena cando foi detido e aínda ten un xuízo pendente na Audiencia de Pontevedra por branqueo de capitais. Oficialmente, Prado Bugallo traballaba nun aparcadoiro en Alxeciras e, aínda que tiña unha especie de orde de afastamento de Galicia, podía viaxar esporadicamente en días de permiso.

Nese sentido, Enrique León advertiu de que as persoas que se dedicaron á droga "seguen e seguirán e morrerán así". "Os personaxes que son capaces de dedicarse a isto, que xogan coa vida das persoas para gañar diñeiro, normalmente non teñen escrúpulos nin sentimentos", remarcou.

Prudencia antes de falar de desarticulación

O excomisario da Udyco en Galicia tamén pediu prudencia á hora de falar de redes de narcotráfico "desarticuladas", porque desmantelar de forma "absoluta" estes armazóns "é moi difícil".

"Seguen cos seus contactos, eses non os van a perder nunca. Protéxense entre eles sen ningunha dúbida, o único que non se admite (neste mundo) é a traizón: a traizón págana con chumbo", sentenciou.

Te puede interesar