GALICIA

Fiscalía pide 27 anos e medio de prisión paro o asasino de Tatiana Vázquez en Lugo

O acusado de asasinato, Ibrahima N., de nacionalidade senegalesa e en situación irregular en España, "mantivo unha relación sentimental" coa vítima desde 2009 e "durante máis de seis anos con episodios de convivencia"

Fiscalía pide 27 anos e medio de prisión paro o asasino de Tatiana Vázquez en Lugo

A Fiscalía pide un total de 27 anos e medio de prisión para o único acusado de asasinar a Tatiana Vázquez en abril de 2016, así como por un delito de malos tratos no ámbito familiar durante seis anos de relación. O xuízo está previsto que comece o próximo 22 de maio e a sala da Sección Segunda da Audiencia Provincial de Lugo está reservada até o 25.

Segundo o escrito do Ministerio Fiscal, recollido por Europa Press, o acusado de asasinato, Ibrahima N., de nacionalidade senegalesa e en situación irregular en España, "mantivo unha relación sentimental" coa vítima desde 2009 e "durante máis de seis anos con episodios de convivencia".

Nesa relación, Fiscalía di que o acusado "fixo menosprecios, vexacións e agresións físicas" a Tatiana Vázquez "co fin de impor a súa vontade sobre a dela, menoscabando gravemente a harmonía da parella", a pesar do cal, a vítima "non quixo nunca denunciar os feitos, porque temía a súa vinganza e as súas reaccións violentas".

No relato fiscal, recóllese que na noite do día 8 ao 9 de abril de 2016, sobre as 3,40 horas, Tatiana Vázquez acudiu á habitación dunha pensión onde residía temporalmente o acusado. Sobre as 4,10, ambos abandonaron a pensión e subiron o vehículo propiedade do pai da vítima e chegaron até un lugar despoblado, na rúa Fonte da Bica de Lugo.

"Aproveitando a súa superioridade física e o feito de que ninguén podería acudir no seu defensa, atacouna cando estaba dentro do coche, utilizando un coitelo ou arma branca similar, cunha folla de polo menos 11 centímetros de lonxitude, que cravou no seu corpo repetidamente, até en 54 ocasións, provocándolle múltiples feridas inciso-contusas, sabendo que deste xeito aumentaría o sufrimento da vítima hsta que se producise a súa morte, que tamén buscaba", relata o ministerio fiscal.
 


27 anos de prisión por dous delitos


Así, Fiscalía pide dous anos e seis meses de prisión, con privación do dereito á tenencia e porte de armas durante tres anos, por un delito de violencia habitual no ámbito familiar. Tamén pide a prohibición de aproximarse aos pais e irmán da vítima e de comunicarse con eles por calquera medio durante cinco anos.

Por un delito de asasinato, pide 25 anos de prisión, coa prohibición de achegarse aos mesmos familiares da vítima e de comunicarse con eles durante 35 anos. Así como liberdade vixiada.

Fiscalía precisa que unha vez cumpridas as dúas terceiras partes da condena, ou cando o penado acceda ao terceiro grao ou liberdade condicional, a pena privativa de liberdade que reste por cumprir substituirase pola expulsión de territorio español, coa prohibición de entrar durante dez anos.
 


 Indemnizacións


Ademais, o acusado deberá abonar as costas procesuales, de maneira que deberá indemnizar con 90.000 euros ao pai e outro tanto á nai, mentres que deberá pagar 35.000 euros ao irmán da vítima.

O avogado da defensa, César Lodos, asegurou que segue "crendo cos ollos pechados" ao seu cliente e criticou que "non se seguiron outras vías de investigación".