TURISMO

Galicia, quinto destino preferido por españois

Non obstante, Galicia baixa na listaxe no referente á porcentaxe de ocupación por prazas até o posto décimo primeiro

Galicia, con 6,6 por cento das hospedaxes, situouse en agosto no quinto destino hoteleiro dos residentes en España.

Segundo as estatísticas de Conxuntura Turística Hoteleira (EOH/IPH/IRSH) do Instituto Nacional de Estatística (INE), só Andalucía (24,9%), Valencia (14,7%), Cataluña (13,9%) e Canarias (8,1%) superan Galicia na preferencia hoteleira dos españois.

Non obstante, Galicia baixa na listaxe no referente á porcentaxe de ocupación por prazas até o posto décimo primeiro, con só 55,7 por cento, cando a media é de 74,0 por cento e as comunidades que encabezan a lista situáronse en porcentaxes de 90,6 (Baleares) e 83,8 (Canarias).

Ademais, a estatística de prezos hoteleiros reflicte un descenso en Galicia de 1,9 por cento e un incremento da media do conxunto de 2,5 por cento.

A tarifa media diaria (ADR) rexistrou unha taxa de variación anual de 0,6 por cento en Galicia e de 4,7 por cento na media estatal, e os ingresos por cuarto dispoñible (RevPAR) subiron en Galicia en 2,6 por cento e no conxunto de España, en 8,2 por cento. 

Te puede interesar