tres focos diferentes

Un incendio provocado queima o club vigués Barbarella

Os bombeiros afirmaron que aínda que se descoñece como se orixinou o lume, no edificio ulía a gasolina

Tal e como informaron a Europa Press fontes do corpo de bombeiros, foi a Policía Local a que lles deu o aviso sobre as 3,25 horas deste mércores para que se trasladasen ata o club Barbarella -fronte á gasolineira-, onde se producira un lume.

Ata o lugar desprazáronse unha dotación de bombeiros e un camión nodriza que accederon ao interior do edificio saltando o enreixado exterior e forzando os fechos, que ata entón se atopaban precintadas pola Policía xa que o local carecía de licenza, segundo informou a Europa Press a Policía Local.

Os bombeiros entraron ao establecemento e atoparon nas escaleiras de acceso á planta superior tres focos de lume apagados. Unha vez arriba, divisaron lapas, polo que procederon a extinguir o incendio e a romper algunhas ventás para permitir a saída do fume.

A consecuencia do lume resultaron afectados tres cuartos, un deles quedou completamente calcinado e nos outros dous prendeuse lume en varios colchóns e nalgúns mobles.

Os bombeiros trasladaron a Europa Press que, aínda que se descoñece como se orixinou o lume, no edificio ulía a gasolina. Por todo iso, a Policía Nacional iniciou unha investigación sobre estes feitos.

Te puede interesar