VIGO

Vigo inicia a instalación das luces de Nadal

O proceso, que comezou este mércores, manterase nas próximas semanas ata iluminar máis de 300 rúas

Vigo inicia a instalación das luces de Nadal

A montaxe das luces de Nadal en Vigo iníciase este mércores en varias rúas da cidade, e continuará nas próximas semanas, até completar a ornamentación de máis de 300 rúas, fachadas, mercados municipais e outras instalacións.

Así o confirmou o rexedor olívico, Abel Caballero, quen lembrou que se instalarán case 1.500 motivos de iluminación nas rúas, mil arcos, bólas de Nadal xigantes, varias árbores iluminadas por toda a cidade, e diferentes motivos ornamentais. En total, Vigo contará este ano coa iluminación de 9 millóns de lámpadas led.

Tampouco faltará a árbore xigante en Porta do Sol, que este ano terá unha altura de 31 metros, e contará cun espectáculo de luces e música, do que se poderá gozar en tres pases diarios.

"Que saiban os alcaldes de Londres, Tokio, Nova York, París e Berlín, que imos ser o non vai máis. Que se preparen. As alcaldesas de Madrid e Barcelona xa nin poden competir, é natural", chanceou o alcalde, quen se atreveu a prognosticar que a cidade olívica terá as festas do Nadal "top do planeta".


Gasto


Abel Caballero asegurou que este "despregamento" do Nadal é "baratísimo", e lembrou que o Concello adxudicou a iluminación a unha empresa nun contrato por varios anos. O gasto anual da iluminación é de 825.000 euros, un gasto que reverte na cidade, segundo incidiu.

A ese respecto, Caballero recalcou que, o pasado ano, e grazas á iluminación do Nadal, "todos os hoteis estiveron petados", e "toda Galicia" acudiu a ver as luces de Nadal a Vigo.