O Instituto Español de Oceanografía celebrará o seu centenario con varios actos en Vigo e A Coruña

O Instituto Español de Oceanografía (IEO) cumpre cen anos este mércores e, ao longo das próximas semanas, celebrará o seu centenario con diversas actividades en Vigo e A Coruña, entre outras cidades.

Así, a cidade olívica acollerá distintos actos entre maio e setembro, como xornadas de portas de abertas, un concurso de relatos, conferencias, encontros científicos, actos na rúa (en Samil, coincidindo co Día Mundial dos Océanos).

Do mesmo modo, na Coruña, haberá exposicións, encontros de investigadores ou xornadas de visita aos buques oceanográficos 'Ramón Margalef' e 'Ángeles Alvariño'.

Ademais destes eventos, haberá unha celebración oficial o 10 de xuño en Madrid, presidida polo Príncipe de Asturias; a ONCE tamén se sumará aos actos, coa emisión dun cupón conmemorativo o próximo 28 de maio; e o 5 de xuño, a Lotaría Nacional fará o mesmo.

O IEO foi fundado polo profesor Odón de Buen, e foi unha das primeiras institucións científicas do mundo que se dedicou exclusivamente á investigación do mar e os seus recursos.

Actualmente, conta con 636 traballadores (dos que 223 son científicos), un presuposto de 60 millóns de euros e unha flota de catro buques oceanográficos e outras embarcacións menores, ademais dun submarino non tripulado ou Vehículo de Observación Remota (ROV).

Te puede interesar