PRIMARIAS PSDEG

Leiceaga: “Espero que o apoio dos militantes mozos permita a nosa renovación"

xaquin_result
photo_camera Xoaquín Fernández Leiceaga, onte no campus da USC.

Doutor de Economía, foi concelleiro en Noia e Compostela ou portavoz parlamentario do PSdeG e agora volve a primeira liña para competir con Méndez Romeu por ser candidato á Xunta logo de afastarse da política

"Cando se convocaron as primarias tomei a decisión con certa rapidez", di Xoaquín Fernández Leiceaga. Catedrático de Economía, foi concelleiro en Noia e Compostela ou portavoz parlamentario do PSdeG e agora volve a primeira liña para competir con Méndez Romeu por ser candidato á Xunta logo de afastarse da política. 

Quen llo pediu? Besteiro, Pilar Cancela...

Eu o que fixen foi unha serie de consultas a xente diversa dentro de partido; non vou dar nomes, pero foi a xente das catro provincias para saber se a miña candidatura se podía ver como un problema. Cando detectei que non, que en todo caso se vía con certo respecto, decidín dar o paso. 

É vostede o candidato de Ferraz?

É curioso, hoxe escoitei á presidenta da Deputación de Pontevedra dicindo que son moi favorables a Pedro Sánchez. Ao mesmo tempo me acusan dunha cousa e da contraria. Eu son un candidato autónomo e espero ter o apoio da maioría dos militantes. Unha vez que o teña vou ser o candidato oficial e despois serei o candidato de Ferraz. Espero.

Foi a Madrid a reunirse con Pedro Sánchez. Que pasou nesa reunión?

Unicamente houbo un intercambio de pareceres sobre si eu estaba ou non disposto a presentarme ás primarias. 

Quen estaba na reunión?

Estabamos Pedro e máis eu.

Esperaba que Méndez Romeu participase na carreira?

Ni o esperaba nin o deixaba de esperar. Había un certo anuncio de Abel Caballero de que ía promover algo para o partido e creo que o candidato Méndez Romeu sae desa decisión. 

Que lle parece Méndez Romeu?

Pois que é un candidato con moita experiencia.

Cre que vostede pode gañar sen o apopio de Caballero, Pachi Vázquez, José Blanco, Orozco...?

A gran vantaxe das primarias é que cada militante é un voto. Podo non ter esos apoios e non terei os de outros que teñan unha longa traxectoria no partido, pero espero que o apoio dos militante mozos que están irrompendo con forza permitan unha candidatura de renovación como é a miña.

Chamou a atención que Bugallo, co que estivo no equipo de goberno no Concello de Santiago, tamén apoie a Méndez Romeu...

Bugallo fíxome moitos eloxios no pasado e creo que xa cumpriu sobradamente. Como igual eran excesivos, pode compensar un pouco. Eu entendo que persoas que teñen unha longa traxectoria se poñan de acordo entre si. 

Que tal vai o pacto con Gonzalo Caballero? 

Nas visitas que estou facendo polas agrupacións detecto unha demanda maioritaria, que é a da renovación no partido. Esa demanda nos coloca a Gonzalo e a min, os candidatos que representamos a renovación, diante dunha oportunidade, que para o partido sería moi bo que se concretase. Non hai de momento ningún pacto, pero teremos que facer unha reflexión estes días. 

Cre que o partido pode saír máis desunido destas primarias?

Eu creo que non. Xustamente porque creo que debemos facer un esforzo de unidade, xa que as primarias serven para isto porque é un resultado que ten que ser aceptado por todos. É a expresión da democracia no partido e para iso necesitamos un proceso de integración. Eu tendo a man a Gonzalo Caballero e aqueles que apioando a Méndez Romeu están dispostos a construír un proxecto gañador para as eleccións autonómicas. 

Que pode aportar vostede ao PSdeG?

Creo que podo aportar a miña experiencia política, a miña cualificación profesional, o contacto coa realidade, que supón estar entrando e saíndo da política con facilidade; e creo que podo aportar unha sensibilidade galeguista e unha concepción de Galicia como un país visto na súa integridade e podo aportar tamén a miña experiencia de diálogo: traballei sempre en coalición. Creo que son unha persoa ben adaptada ás necesidades que ten o PSdeG para o novo ciclo político. 

Que lle dí á militancia cando vai predicar polas agrupacións?

Pois que podemos derrotar ao PP, que depende de nós e que temos que facer un proxecto de renovación profunda para sumar experiencia e xuventude porque necesitamos construír un proxecto íntegro para Galicia e hai que face dende a unidade e a integración.

E que lle di a vostede a eles?

Pois faime moitas preguntas que revelan unha certa preocupación pola situación do partido e percibo tamén a necesidade de que é necesario abrir unha nova etapa.

Que opinión ten da mesa de traballo para unha candidatura conxunta que propuxo o outro día En Marea para sumar a socialistas e nacionalistas?

Iso foi un bote de fume que tirou Carolina Bescansa porque veu aquí para tapar as vergonzas que ten En Marea hoxe. Tira o bote de fume e marcha para Madrid. É a mellor mostra do sucursalismo que ten a Marea, con independencia do que aquí decidan os militantes. Por outro lado, non é cribe que despois de dicirlle non a un Goberno de Pedro Sánchez veña agora a propoñer non se sabe moi ben que.

Non cre logo que o PSdeG poda ser terceira forza política?
Non o creo e estou convencido de que non vai ser así se facemos as cousas ben. 

Sería partidario de apoiar a En Marea nese hipotético caso?

Eu son partidario de construír unha alternativa liderada polo Partido Socialista tendendo a man para facer un goberno sensato e estable, pero de cambio profundo e que poda ser apoiado polas forzas políticas que non son o PP.

Que lle parecen as alcaldías chamadas rebeldes?

Creo que foi un acerto impedir a continuidade do PP nas alcaldías, pero os gobernos non me gustan porque son máis de políticas de xestos que de resolver os problemas da xente.

Te puede interesar