Polémica Podemos

Luis Villares: "Sempre é positivo consultar ás bases"

O portavoz de En Marea calificou como "boa solución" que Pablo Iglesias e Irene Montero poñan o seu cargo a disposición dos inscritos de Podemos

O portavoz de En Marea, Luís Villares, destacou que "sempre é positivo" preguntar ás bases dun partido sobre as cuestións que afectan á organización, polo que cualificou como "boa solución" que Pablo Iglesias e Irene Montero poñan o seu cargo a disposición dos inscritos de Podemos após coñecerse a compra dunha casa en Madrid; á vez que ligou esta consulta coa que celebrará esta semana En Marea sobre o futuro de Paula Quinteiro.

"Se é positivo formular unha consulta, con máis razón é formular unha consulta cando é sobre algo que non é estritamente persoal e está vinculado ao político", indicou, a preguntas dos medios nunha rolda de prensa este luns, Luís Villares en referencia á consulta ás bases sobre a deputada de En Marea que se viu envolvida nun incidente coa policía a mediados do mes de marzo.

Villares destacou que as organizacións rupturistas chegaron para "dar voz" ás bases e que someter ao seu xuízo as cuestións que poidan xerar "controversia" é "positivo". "As bases nunca se equivocan. Son elas as que deberían resolver este conflito de forma definitiva", declarou en relación á consulta sobre Quinteiro, na que o sector crítico coa dirección política de En Marea chama a non participar.

"Paréceme que ningún sector debe estar por encima do conxunto das inscritas. A dirección de En Marea si aceptará o resultado porque para nós as bases son quen máis ordenan", remarcou o maxistrado en excedencia, que puntualizou que a dirección do partido instrumental "cumpre co seu labor ao pór a disposición das inscritas a oportunidade de exercer o dereito de opinar" sobre unha cuestión "que ten transcendencia no político e o social do país".


Críticas pola xestión


Nos últimas días volveron a producirse críticas á maneira de xestionar o caso de Paula Quinteiro lanzadas por parte de certas voces de referencia do espazo rupturista, como o deputado de En Marea e portavoz de Anova, Antón Sánchez, ou o rexedor herculino, Xulio Ferreiro, quen personificó en Villares o que entende como unha "mala xestión" do asunto.

Pola súa banda, este luns nunha entrevista en Televisión de Galicia, Antón Sánchez, como xa fixera en anteriores ocasións, defendeu que o proceso regulado debía ser un revogatorio en lugar dunha consulta interna aos inscritos.

"A xestión da crise non depende dunha persona senón de órganos colexiados. En Marea non ten un secretario xeral que diga: `Imos facer unha consulta`; en En Marea non pode pasar. A decisión tómana órganos colexiados formados por 35 persoas que decidiron facer a consulta", apuntou Villares, en referencia ao Consello das Mareas, órgano máximo de dirección entre plenarios, onde os afíns ao portavoz son maioría.


Consulta de Pablo Iglesias


O pasado sábado, a catro días da celebración da consulta sobre o futuro de Paula Quinteiro que arrinca este martes; o líder de Podemos, Pablo Iglesias, e a portavoz parlamentaria de Unidos Podemos, Irene Montero, anunciaron que porán os seus cargos a disposición das bases do partido morado por mor da polémica xerada após coñecerse que compraron unha casa nos arredores de Madrid valorada en 600.000 euros.

Para Villares, "o persoal é política" polo que entende que Iglesias decida recorrer ás bases. "Cada un co seu diñeiro pode facer o que queira, a condición de que sexa lícito", apuntou, para logo recoñecer que opina que a compra dun chalé por esas cantidades "causa unha controversia ou unha contradición" polo "discurso anterior" do líder da formación morada.

Nesta liña, remarcou que se Iglesias e Montero "consideran unha boa solución" pór o seu cargo a disposición das bases "pois ben resolto está", porque , ao seu xuízo, "nunca está mal preguntarlle aos demais". "Viñemos gobernar para a xente e a escoitar á xente, por que non neste caso", apostilou.

Pola súa banda, Antón Sánchez dixo nesa mesma entrevista na Televisión de Galicia que a cuestión de Iglesias e Montero entendeu que se trata dunha decisión da súa "vida privada" e engadiu que a "conexión co movemento na rúa non se define pola casa que tes".

Te puede interesar