DESIGNACIÓN

Marcos Maceira será o novo presidente de A Mesa Pola Normalización Lingüística

Substituirá a Carlos Callón, que deixa o posto tras 12 anos á fronte da entidade que defende o galego.

O historiador Marcos Maceira será o novo presidente de A Mesa Pola Normalización Lingüística ao ser o único candidato a substituír ao que foi presidente durante 12 anos, Carlos Callón, na próxima asemblea que a asociación que defende a lingua galega celebrará o próximo sábado, día 26 de abril, no Centro Ágora da Coruña.

Maceira, que tamén preside a Asociación Cultural O Galo e destacou como organizador dos últimos 'Correlingua', encabezará unha candidatura única na que figuran a profesora Mónica Pazos e o enxeñeiro Carlos Outeiro como vicepresidentes. A enfermeira licenciada en Antropoloxía cultural e social, Susana Méndez, será a nova secretaria xeral en substitución de Iria Taibo, quen ocupou o posto durante os últimos 12 anos.

A candidatura complétana Paulo Filgueiras, que será o responsable de zonas e da liña do galego --cargos que ocupa actualmente-- así como o activista Manuel Rei. Deste modo, tanto Iria Taibo como Carlos Callón deixan a dirección da asociación que conta cun maior número de socios de Galicia, aínda que seguirán como "activistas de base para fortalecer a organización", explicou aínda presidente nunha rolda de prensa celebrada este sábado.

Precisamente, Marcos Maceira agradeceu a Carlos Callón o traballo desenvolvido ao longo destes anos "en defensa do galego" xa que "os éxitos conseguidos por A Mesa son froito do seu traballo" así como do de Iria Taibo que, "nun segundo plano", "xestionou o día a día da asociación".

Tras este agradecemento, o futuro presidente da Mesa explicou que a candidatura que encabeza é "de continuidade" e se marca como obxectivos "continuar na defensa da lingua" a través da denuncia dos incumprimentos do "escaso marco lexislativo que hai a favor do galego". E é que, segundo lamentou, "o escaso marco legal existente ou ben incúmprese ou non se aplica".

DENUNCIA ANTE A UNESCO

Así mesmo, Marcos Maceira informou de que a nova dirección continuará "cos traballos para denunciar ante a Unesco a situación que sofre o galego" na actualidade, tal e como "fixeron en 1954 os galleguistas da época".

"Celebraremos encontros con organismos e entidades sociais para elaborar un informe parecido ao da época na forma pero non no contido xa que, grazas á mobilización social, houbo avances", destacou antes de puntualizar que "tamén houbo retrocesos", cuestións que "centrarán a denuncia".

CRÍTICAS Á XUNTA

"O que nos gustaría a nós sería poder acompañar a un goberno galego que merecese ese nome nunha liña de traballo, de respecto, de aprecio e de defensa activa do galego,", asegurou antes de deixar claro que, "desgraciadamente" isto "non pode ser así" xa que "o Goberno galego actúa constantemente na dirección contraria".

Neste sentido, tamén considerou que Alberto Núñez Feijóo "debería honrar o posto que ocupa como presidente da Xunta a través da defensa do principal signo de identidade que ten Galicia, que é a súa lingua".

"Un presidente que non defende a lingua do seu país é un presidente que non respecta ao pobo que o votou e representa" asegurou o futuro presidente de A Mesa Pola Normalización Lingüística.

Te puede interesar