CULTURA

O mundo da política e da cultura despiden a Xosé Neira Vilas

635842501642303939w
photo_camera Los restos de Neira Vilas descansan en A Coruña.

Os restos do intelectual galleguista descansan no edificio de Bonaval, anexo ao Museo do Pobo Galego

Personalidades do mundo da cultura e da política visitaron na tarde deste venres a capela ardente do escritor Xosé Neira Vilas, que quedou instalada no compostelano Panteón de Galegos Ilustres.

O féretro cos restos do intelectual galleguista chegou ao edificio de Bonaval, anexo ao Museo do Pobo Galego, pasadas as 18,30 horas, procedentes de Gres, en Vila de Cruces. Neste lugar, parroquia natal de Neira Vilas, celebrouse un velorio íntimo por parte da familia nas primeiras horas da tarde.

Á chegada dos restos mortais de Neira Vilas a Compostela esperaban un nutrido grupo de representantes do mundo político e cultural, entre os que estaban o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o seu antecesor no cargo, Agustín Hernández.

Así mesmo, entre outros representantes da cultura, estiveron presentes o secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, o presidente da Editorial Galaxia, Víctor Freixanes, e o dramaturgo Cándido Pazó, aos que acompañaron familiares de Neira Vilas e un nutrido grupo de cidadáns que se quixo achegar a dalo o último adeus ao escritor.

O ataúde de Neira Vilas, cuberto coa bandeira de Galicia, foi introducido no Panteón de Galegos Ilustres a ombros de varios dos presentes, entre os que se atopaban Henrique Monteagudo, Martiño Noriega e Cándido Pazó, e rodeado de aplausos.

A continuación, os presentes entraron no panteón para render homenaxe ao escritor e deixaron mensaxes no libro de condolencias. Foron moitos os cidadáns que se foron achegando co paso das horas ata a capela ardente para mostrar os seus respectos a Neira Vilas.

UN BO E XENEROSO

Durante a homenaxe, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, indicou ante os medios de comunicación que este venres faleceu un "bo e xeneroso", en referencia ao Himno Galego, e confiou en que a súa obra perviva no futuro como fito da literatura galega.

Entre outras cuestións, Rodríguez destacou a vinculación da obra mestra de Neira Vilas, 'Memorias dun Neno Labrego', co contacto co idioma propio de Galicia dende a escola, e puxo de relevancia o seu labor na visibilización da cultura galega.

Te puede interesar