DÍA DE GALICIA

O nacionalismo non baila agarrado

Aspecto que presentaba a compostelá Praza da Quintana, durante a concentración convocada polo BNG.
photo_camera Aspecto que presentaba a compostelá Praza da Quintana, durante a concentración convocada polo BNG.

O BNG gaña a festa do nacionalista reunindo a milleiros de persoas, Anova aposta por un acto íntimo ao que se suma Aymerich con Beiras de protagonista e Feijóo critica que este día se faga política facendo política.

Era o día da gran festa nacionalista en Compostela, pero as forzas galegas non quixeron bailar agarradas como fixeron o ano pasado nunha convocatoria unitaria baixo o mesmo lema. Incluso Alberto Núñez Feijóo, criticou logo que se faga política no Día de Galicia ao ser preguntado pola dispersión dos actos. Resultou cando menos curioso, porque a política zarrapicou a súa resposta a poucos meses de que se celebren as eleccións autonómicas. 

Se é polo número de xente, o BNG volveu amosar músculo, gaitas e 'estreladas' con milleiros de simpatizantes na Quintana cunha entusiasta Ana Pontón estreandose como estrela do mitin para reclamar a utilidade do voto a unha forza que non admite imposicións de Madrid para tombar ao PP nas vindeiras eleccións.  A Xosé Manuel Beiras mandárono a Galeras, parque, para remar no acto máis íntimo de Anova, no que tamén participou como convidado Carlos Aymerich diante de preto dunhas 300 persoas logo da súa recente saída do Bloque. Sen a presenza dos alcaldes rebeldes, aos que Beiras alcumou como "os tres magníficos", ata que o compostelán Martiño Noriega rematou o actos instituiconal no Concello pola festividade do Apóstolo Santiago, o líder de Anova aproveitou para marcar a pauta que debe seguir o proceso constituínte de En Marea o vindeiro día 30. O veterano político aposta por crear un partido instrumental, á maneira das mareas municipalistas, desbotando a fórmula da coalición para presentarse as eleccións porque responden "ao esprito das Irmandades da Fala". Dixo falar en nome da dirección de Anova. 

“REPENSAR ALIANZAS"

En presenza dos deputados Alexandra Fernández e Miguel Anxo Fernán Vello, Beiras tamén quixo marcar o paso nunha semana na que En Marea ten que decidir se pasa ao Grupo Mixto ou continúa da man de Podemos no caso de non acadar grupo propio no Congreso. "As alianzas a nivel de Estado son indispensables para poder facer o que sería imposible sós porque non temos esa potencia, pero se a situación é de servidume, temos que repensalas porque as alianzas teñen que estar ao noso servizo". O que non desvelou o carismático político foi se el está disposto a presentarse como candidato ou se está de acordo coa designación do maxistrado Luis Villares como cabeza de lista, o prefirido polas cúpulas das mareas. 

Mentres o BNG reunía a unhas 5.000 persoas na Quintana que foron chegando á praza mentres os peregrinos facían cola para entrar á misa na catedral, Beiras recordaba en Galeras que "hai que recordarlle aos outros dirixentes que non se pode falar de ser de esquerdas e non cooperar", logo de lamentar que non se repetise a convocatoria unitaria como a do ano pasado no que se cedeu o protagonismo da sociedade en vez de recaer nunha forza política. A líder de Esquerda Unida Yolanda Díaz, nesta ocasión non se sumou á festa do 25 de xuño. Xavier Vence, ex portavoz nacional do BNG, si estivo na Quintana aínda que nun segundo plano como un militante máis. 

Compromiso por Galicia, liderada por Xoán Bascuas, tamén fixo a festa pola súa conta. Aproveitou o parque adicado a un mestre do surrealismo como Eugenio Granell para reivindicar que "o galeguismo está só en Compromiso e en ningún lugar máis", ao tempo que presentou aos cabeza de lista que acompañarán a Xoán Bascuas no cartel electoral das autonómicas galegas. Juan Carlos Piñeiro irá por Lugo; Xosé Mosquera por Ourense e Andrés Núñez por Pontevedra. No Toural, uns 200 indepentetistas tamén se concetraron na Praza do Toural para berrar "Galiza independente e socialista".

Pasou o día, acabaron as diferentes romerías e quedou a sensación de que dificilmente o nacionalismo galego volverá bailar agarrado aínda que uns dominen a escena e as enquisas digan que os otros son máis fortes nas urnas. 

Te puede interesar