POLÍTICA EN GALICIA

"Pablo Iglesias é o refén de EU e Anova"

Unha plataforma de críticos de Podemos Galicia adiantan que non se presentarán a liderar o partido porque "desvirtuaría a finalidade do movemento".

Os críticos da formación morada aglutinados en Bases Podemos Galicia avanzaron que non se presentarán como colectivo nos comicios internos para renovar os máximos órganos autonómicos.

Esta decisión arguméntana en que consideran que a súa participación "desvirtuaría a máxima finalidade do movemento, que non é outra que traballar como observatorio que vai a pola democracia, transparencia e participación internas". A través dun comunicado, explicaron que a súa idea é que este observatorio estea aberto a "calquera inscrito cando vexa vulnerados os seus dereitos para que lle sexan repostos", actuando, deste modo, "como contrapeso aos organismos internos que actúan en conivencia co poder político da cúpula do partido".

Non obstante, aclararon que calquera persoa ligada a Bases Podemos "é libre de participar a título individual dentro da candidatura que crea conveniente".

SI APOIARÁN CANDIDATURAS

Os críticos explicaron, en todo caso, que apoiarán todas aquelas candidaturas que cumpran uns requisitos determinados, tanto no ámbito organizativo, coma na liña para as estratexias electorais.

Concretamente: que defendan a democracia interna, o asamblearismo e a transparencia en todos os ámbitos do partido; que aposte pola reactivación dos círculos na comunidade; que aposte pola cohesión e o consenso no seo do partido -para o que cren que os antigos membros deberían "manterse á marxe co fin de rexenerar o partido-; que "prime o traballo" nos organismos internos e que os membros do consello cidadán non sexan cargos que actúen "como trampolín para cargos políticos en eleccións externas"; e que se aposte pola "superación da marca En Marea.

"PABLO IGLESIAS REFÉN DE EU E ANOVA"

En canto a este último extremo, os críticos defenden unha "maior confluencia de actores políticos e movementos sociais irmáns da esquerda rupturista e o nacionalismo".

Ao respecto, defende que "non se limite a un pacto de siglas, senón que abra as portas a un proceso máis amplo e democrático, actuando como pegamento nun espazo onde todos se sintan a gusto e poida desenvolver políticas de transformación xurídico-social axeitadas ao que demanda a maioría da cidadanía".

"Neste punto queremos corrixir a Pablo Iglesias, de quen cremos que é refén dos intereses partidistas de EU e Anova", sentencian os críticos no seu comunicado.
 

Te puede interesar