DEBATE DEL ESTADO DE LA AUTONOMÍA

Pontón replica a Feijóo que o problema de Galicia é o "centralismo"

A líder do BNG asegurou que "o gran reto" de Galicia é "romper coa dependencia" e "empoderarse"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, respondeu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que "o problema de Galicia" é o "centralismo" e afeoulle que exerza de "simple recadeiro" de Mariano Rajoy en lugar de defender os intereses dos galegos.

"O noso problema é o centralismo e un réxime esgotado e caduco", manifestou a líder dos nacionalistas galegos na súa intervención durante o Debate sobre o Estado da Autonomía e en resposta ao discurso do presidente no que o conflito catalán estivo moi presente.

Sobre esta cuestión, Ana Pontón destacou que "a democracia é votar" e "non só unha vez cada catro anos para que os gobernos fagan o contrario do que prometeron". "O que non é democrático é que o Goberno de Rajoy non dialogue nin escoite e que a súa resposta sexa a violencia de Estado", sinalou.

Deste xeito, tras cualificar de "vergoña democrática" a xestión do PP da crise catalá, acusou a Feijóo de acudir á Cámara galega para "rivalizar coa prensa da caverna madrileña" no seu "ataque a Cataluña".

"Nin vostede nin o Partido Popular representan a moderación nin a democracia, son vostedes un goberno de extrema dereita e non aceptaremos as súas leccións de democracia", manifestou para lembrar que o PP "é o único partido imputado por corrupción".

"Romper coa dependencia"

Neste contexto, Ana Pontón asegurou que "o gran reto" de Galicia é "romper coa dependencia" e "empoderarse". "Onde pagamos impostos é en Madrid, e é Madrid quen queda con máis de 3.500 millóns de euros cada ano que saen dos petos dos galegos", apuntou.

Tras iso, a líder dos nacionalistas galegos considerou "preocupante" que Feijóo "leve oito anos pasando olímpicamente de Galicia" e "exercendo como fiel recadero de Rajoy". Por iso, instou ao presidente a "explicar o seu deixamento de funcións" e avisoulle de que os galegos non "lle perdoarán" que permita que o Estado "siga desprezando" á Comunidade galega en materias como a xestión da AP-9 ou o AVE.
 

Te puede interesar