PLATAFORMA

'Somos Nós' creará unha candidatura galega para as xerais

somos_nos_1_result
photo_camera Anxo Quintana en la reunión de "Somos Nós".

Quintana descarta liderar unha posible lista e asegura que a plataforma se pon a "disposición" de organizacións políticas e movementos

O líder de 'Somos Nós', o exvicepresidente da Xunta Anxo Quintana, avanzou que, "nos próximos días", a plataforma que capitanea buscará "vínculos de colaboración" con "xentes e organizacións" co obxectivo de conformar, para as próximas eleccións xerais, unha candidatura na que Galicia "sexa a protagonista".

"Na próxima lexislatura, no ámbito estatal, vanse decidir cousas moi importantes e Galicia non pode estar ausente neste proceso nin tampouco aspirar a estar unicamente como espectadora", explicou en declaracións aos medios Quintana durante a celebración da primeira asemblea xeral de ''Somos Nós''.

Para que Galicia sexa a "protagonista", na súa opinión, "é necesario que nas próximas cortes xerais haxa unha representación propia, totalmente autónoma, que unicamente dependa dos intereses de Galicia". "Unha representación forte pero non pechada, unha representación para defender os intereses de Galicia pero tamén para participar na construción da vontade colectiva do Estado,", sinalou.

Anxo Quintana tamén deixou claro que este é un proceso que "hai que facer dende Galicia, os galegos e galegas" cun "sentir aberto, amplo e inclusivo" e tamén "cun exercicio amplo de autoestima". "Pensando que dende aquí, entre todos, podemos construír proxectos políticos, canto menos, tan bos como os que veñen de fóra", indicou antes de sinalar que unha coalición partidaria "sería un paso positivo pero non suficiente".

Nesta liña, púxose a "disposición" das organizacións políticas e os movementos sociais para que 'Somos Nós' sexa un "punto de encontro" para construír esta candidatura. "En todo o que poidamos colaborar para xerar ese movemento cidadán, esteremos dispostos a facelo, pero sen outro protagonismo, porque non somos unha organización política e non nos podemos colocar ao mesmo nivel de responsabilidade que as forzas políticas teñen", apuntou.

O lider de 'Somos Nós' precisou que "esta idea fundacional de inspirar un movemento cívico que centre a súa actividade arredor do galleguismo" é unha das cuestións que se ratifican nesta primeira asemblea xeneral da plataforma co fin último de lograr que Galicia "teña o maior grao de autogoberno posible" como modo de conseguir que sexa "un país igualitario, de benestar e igualdade".

COLABORACIÓN DENDE DIVERSOS ÁMBITOS

Así mesmo, na súa intervención, Anxo Quintana destacou que, como "movemento cívico, transversal e inclusivo", na actualidade, colaboran con 'Somos Nós' xente de "practicamente todos os aspectos políticos que conviven no país".

"Están a participar activamente xentes das diferentes forzas políticas e movementos que están a protagonizar o cambio en Galicia", asegurou antes de indicar que en 'Somos Nós' participa, a "titulo individual", "xente que non pertence a ningún partido" pero tamén "xente do BNG de Compromiso por Galicia ou das Mareas.

Con todo, preguntado polos xornalistas sobre o liderado da posible candidatura na que deriven estes contactos, Anxo Quintana apostou por buscar os liderados "na canteira". Fronte a iso, situouse a si mesmo no "banco", lugar dende o que se mostrou disposto a "axudar".

Na súa asemblea deste domingo, 'Somos Nós' aprobou os seus estatutos definitivo, a nomeado a súa xunta directiva e deu luz verde ao plan de traballo presentado pola dirección provisional.

GRUPOS DE TRABALLO

Ademais, no encontro, 'Somos Nós' acordou que os grupos de traballo sectoriais integrados na plataforma establezan o que consideren os "obxectivos ineludibles" a conseguir por Galicia na próxima lexislatura das Cortes do Estado. A plataforma celebrará, en datas próximas ao 25 de xullo, un acto nacional para dar a coñecer estes puntos.

Os grupos de traballo aprobados na asemblea son o de Economía, coordinado por David Peón Pose; o Xurídico, liderado por Xoán Antón Pérez Lema; o de Demografía e Territorio, que coordinará Lourenzo Fernández Prieto; e o de Dereitos de Cidadanía e Participación, capitaneado por Ana Luísa Bouza Santiago.

Te puede interesar