CON TEXTO

A historia que non cesa

Bundesarchiv_Bild_101I-635-3965-21,_Panzerfabrik_in_Deutschland_result

O repaso ás épocas máis escuras do século XX serven de punto de reflexión sobre a implicación Do sector empresarial no ascenso de Adolf Hitler ao poder en Europa

Ía titular “O nazismo que non cesa”; non o fago por non incorrer en equívocos perigosos. Porque malia non ter desaparecido por enteiro non deixa de ser -¡Deus sexa loado!- elemento residual. Mentres que o interese nel, tantas veces morboso, non decae. Por iso. Por iso seguimos a ler os libros que sobre este horror histórico continúan saíndo. Así o Premio Goncourt de 2017, unha novela breve, de Éric Vuillard (ben traducida ao español por Javier Albiñana) que veño de ler con fruición. Porque sendo como é novela coral, isto é, sen personaxes definidos, e contando como episodio central ou cerne a anexión de Austria por Alemaña, primavera de 1938, ten un aquel de analizar polo miúdo, con pinceladas curtas, pois, os elementos, grandes e pequenos, patéticos os uns e os outros por razóns diferentes, que en tal se viran. Nas alturas Hitler, lástima fora, Daladier, Chamberlain, Ribbentrop, Göring, Schuschnigg, mais tamén Woods, o verdugo de Núremberg, ou aqueles que se tiraran a vida (milcincocentos, calcúlase) nos días posteriores ao “Anschluss” ou anexión de Austria. Á parte, por suposto, os Krupp, Von  Opel e demais cómplices do (ir)resitible ascenso de Adolf Hitler ao poder.

Que marcharon, paradoxos históricos, ceibes de resposibilidades, unha vez que se consumara a desfeita. Iso si, con compensacións económicas aos xudeus que traballaran gratis para os Krupp, por exemplo. Por máis que ese diñeiro foi minguando tan axiña como medraba a economía xermana. Todo isto contado por Éric Vuillard con moitísima habelencia. Aquela que tiña Don Benito Pérez Galdós, e que o levaba a poñer a historia ao servizo da novela. E non ao revés. Como fan moitos dos chamados novelistas históricos tan de moda hoxe. Francamente, para iso nada mellor que botar man dos documentos históricos. Vuillard é dos que non se sirven da historia. Sírvena. E iso que saímos gañando, diante duns elementos que de ningunha maneira semellan de cartón pedra. Moi fermosas, case cinematográficas, por certo, as páxinas da entrada chafalleira do exército tedesco en Austria. Por non dicir as do encontró primeiro entre Hitler e os Krupp, Von Opel, Von Siemens e bótalle fío ao papaventos da complicidade bélica.

Te puede interesar