LO VEO

A moda dos pequenos

Hai agora tres anos, Ledicia A. decidiu converter a súa boa man para a costura no seu modo de vida. Así naceu Lalé para Bebé, unha marca de prendas feitas a man en algodón primando a moda sostible e a orixinalidade

Prendas de Lalé para Bebé.
Prendas de Lalé para Bebé.
A moda dos pequenos

En ocasións, cando pensamos en moda, a poucos se nos vai a cabeza a un público dos máis esixentes que poida existir, un público que non dúbida á hora de entusiarmarse cando unha cousa lles gusta e dicilo sen fisuras cando rexeitan outra non lles entra polo ollo. Por iso, a moda infantil engade un plus de dificultade que marcas como Lalé solventan engadindo un toque de orixinalidade e sostenibilidade nas súas prendas.

Como xurdiu a idea de crear lalé? Cal é a túa historia coa moda infantil?

Lalè nace hai tres anos escasos. Sempre me chamou a atención o tema da costura. Comecei facendo cousiñas para os meus e  decidín probar a facer cousas para pequeniños: uns babeiros chulos, con teas de algodón e moitas cores, as bolsas para a merenda, chupeteiros.... E gustou! En pouco tempo empecei xa a facer roupiña: pantalóns, cubrecueiros.... Agora mesmo sigo con todo isto e vou incorporando novos modelos e novas prendas para nenos dende os 0 meses ata os 6/7 anos.

Precisamente por traballar para esa franxa de idade, as vosas prendas son para un público moi esixente, ó que se non lle gusta algo non vai dubidar en rexeitalo. en que te inspiras á hora de deseñalas?

O que intento é, que cos meus deseños, os cativos se sintan cómodos, que as teas sexan orgánicas ou con certificados de fabricación e busco estampados alegres, diferentes, que saían dos estereotipos e das cores típicas, que sexan deseños divertidos. 

Para vós a moda infantil non é só moda, é máis un estilo de vida baseado na artesanía e a moda sostible. como son os nenos lalé e as súas familias?

Non sabería dicirche, nin encadralo nun tipo de familia... Penso que Lalè é para todos, é un producto moi aberto. O que si teñen en común é que valoran o producto artesanal, feito a man e a orixinalidade. 

Estamos acostumados a que na moda xeral, as tendencias varían cada pouco ata o punto de que non as damos nin seguido. ocorre o mesmo nos nenos, cambian as modas tanto como no caso dos adultos?

Eu non son moito de seguir modas. Para min a moda é co que cada un se sente ben en cada momento, co que te sentes cómodo, o que che gusta.

Segundo a túa experiencia, quen son os clientes reais, os pais ou os nenos? Que opinión pesa máis á hora de mercar as vosas prendas?

Na maioría dos casos son as mamás ou papás os que se achegan, aínda que tamén os nenos se achegan moitas veces atraídos polas cores e estampados e elixen eles mesmos as súas prendas.

Ademais de sentírense atraídos polos estampados, traballades para un público que medra moi rápido e a roupa logo lle queda pequena. en que medida vos afecta iso como marca artesá?

Pois é algo que teño moi na cabeza. Como nai, sei que os pequenos nos primeiros anos cambian e medran moi rápido. Por iso, trato de que os deseños me permitan facer talles longos para que as prendas lles duren o máximo posible. A calidade das prendas fai posible que aínda que o neno ou a nena medre, poida ser utilizado por un irmán ou algún amiguiño máis pequeno. 

Pero cal é o factor que máis determina a compra no caso da moda infantil, que é o que máis valoran os pais ó mercar: calidade, prezo, deseño...?

Evidentemente, para mercar unha prenda de roupa tenche que gustar, se lle sumas que está feito cunha boa materia prima, que sexa duradeira, que respecta as peles dos pequenos... Todo iso fai a prenda máis atractiva. Por outra banda, son prendas case exclusivas, é moi raro que na mesma talle dunha prenda se repitan estampados.. Isto tamén  gusta.

Tanto como nai como por responsable de lalé, como ves o panorama futuro da moda infantil?

O método das grandes marcas, que todos temos na cabeza,  tende a uniformarnos, ademáis de baixar a calidade e fomenta un tipo de excesivo consumo con prendas de pouca durabilidade e moi baixo prezo. O compromiso de Lalè está en buscar a calidade e a orixinalidade do producto, o contacto directo do cliente co creador, e viceversa. Paréceme un modelo máis humano, responsable e sostible.