CON TEXTO

Anécdotas e categorías

LoureiroSR
photo_camera Ramón Loureiro.

"Al rey de los Ángeles” foi escrito por Ramón Loureiro, un fabulador de mundos tan propios como o que inventa, deseña, argalla en Escandoi.

Eu non sei se Ramón Loureiro, ese fabulador de mundos tan propios como o que inventa, deseña, argalla en Escandoi (con centro, se cadra, en Sillobre-Fene, a outra banda da Ría de Ferrol, non sei) está tendo o debido recoñecemento. Se cadra, non, pero máis que por miopía lectora (ou crítica, hai críiticos pitoños, por non dicir aqueles caralavadas que soamente len as lapelas dos libros que reseñan; ás veces nin iso) porque Loureiro, como os reis magos da súa última novela, anda polo vieiro do futuro. Que iso é o pasado cando a este se lle bota imaxinación e un bo telescopio para que as estrelas non fuxan. Como a que levou, fose ou non cometa, aos magos ou sabios (en inglés “wise men”) aqueles ao Belén de todos os camiños. Mai esa é un pouco a anécdota dun libro, o último de Ramón Loureiro, que –novela ou non, polo que ten de confesional ben pode ser un memorial de glorias e desfeitas- bebendo da fantasía non deixa de ter os pés na terra.

Na de Escandoi, lástima fora, que é como tela nun dominio celestial. Que pode ser a da soidade do corredor de fondo (que iso foi Ramón Loureiro, e non dos peores, por certo) pero tamén a do cidadán que se acompaña dos libros e dos autores amados (Loureiro di que el xa só le os libros que ama, fai ben se pode). E anécdotas –e encontros- persoais, hai uns cantos, neste libro que se documenta no inmediato antes de choutar cara ao ceo (de Escandoi ou de Mondoñedo, outra parcialidade loureirá).

Acontece que a anécdota neste libro exemplar (polo que di, polo que agacha) axiña devén categoría. Categoría erudita, envolvida en papel de seda, en anacos, ás veces, anaquiños que conforman un libro secuencial no que Ramón Loureiro (e a capa do libro, espléndida, do artista de Ares, Antonio Seijas, non engana) desenguedella parte da súa vida. Desa provincia de todas as provincias que se chama Escandoi, tan recoñecible e recoñecida como outros espazos míticos da mente lectora, así a “Región” benetiá, na que poden atracar as galeras normandas, que ían camiño de Hastings mais optaron por ciar desnortadas, ou reaparecer León de Bretaña, ou ese meu parente que se chama Loghito, chafarís ou surtidor de historias para ese narrador impecable  chamado Ramón Loureiro. Non mo perdan.

Te puede interesar