para leer

Antes de patria

df

Aramburu petou forte na porta do misterio, levando ao terreo literario tanta dor, tanta loita absurda, tanto medo

Xa me pasara con Marsé (lin primeiro Últimas tardes con Teresa, para ciar logo a Encerrados con un solo juguete e Esta cara de la luna) ou Antonio Muñoz Molina (a lectura de El invierno de Lisboa convidárame -acto contino- a entrar en Beatus ille). Pois ben, o mesmiño vén de acontecerme con Patria, de Fernando Aramburu, a quen tan só coñecía tanxencialmente, ata que entrei abraiado na lectura da súa novela best-seller (trescentos mil exemplares vendidos nun país onde a cifra de tres mil copias ten un aquel para calquera novelista “normaliño”).

Abraiado, como tantos outros, porque Aramburu petou forte na porta do misterio, levando ao terreo literario tanta dor, tanta loita absurda, tanto medo nun cuarto –o de atrás- como estaban esnaquizando a vida cotiá nun espazo tan vitalista cal é o de Euskadi, amante (gastronomía, natureza, deporte) do vivir, nada, do morrer. O “fenómeno” Patria lémbrame ao de Gironella (moito máis esquecido hoxe do que debera) coa triloxía que tivera como epicentro Un millón de muertos. Ocupante tamén dun terreo, deica que chegara el, tabú. O tempo dirá o valor real da novela de Aramburu, de momento tan pimpante e lida hoxe.

Detrás, antes dela, houbera un libro de relatos, Los peces de la amargura, ao que chego -¡pero a tempo!- once anos despois da súa primeira saída. Para atopar que nel están, a través dun mangado de relatos, e unha peciña de teatro, as claves de Patria: os terrores, chantaxes, mutilacións, diálogos “sotto voce”, boicoteos; en fin, o pan que eschachaba decotío a convivencia nun país víctima dun malentendido histórico. As “culpas” dunha das partes son ben coñecidas, incluíndo o bombardeo de Guernica, a represión franquista e demais.

Faltaba saber, ben narrada por Aramburu, o que se estaba cocendo nos cocedeiros “patrios”. Por iso, como complemento de Patria aconsello  a lectura deste libro de relatos, á maneira de apuntes do que viría despois a xeito de “novelón” imprescindible. O que leva trescentos mil exemplares vendidos, en dazaoito edicións. E as que están por vir. Logo que o tempo diga canto teña que dicir sobre o seu valor como “clásico”. Como reflexión ben argumentada xa nos vale. Igual que estes relatos de Los peces de la amargura.

Te puede interesar