CON TEXTO

Aquela transición que atravesou España

Historiador-Santos-Julia-Marta-Jara_EDIIMA20140909_06_result

O profesor Santos Juliá propón un libro de grande capacidade sintetizadora e rigor a proba de esquezos que resulta do máis estimulante, no que mira e remira os altos e baixos da chamada transición

Hai libros que, pois veñen da man de autores con capacidade sintetizadora e rigor a proba de esquezos, resultan do máis estimulantes. Así este do profesor Santos Julia, a quen nunca deixaremos de lle agradecer a súa biografía de Manuel Azaña, no que mira e remira os altos e baixos da chamada Transición. Que eu poño con maiúsculas vindo como veño dunha dictadura na que vivín os meus primeiros vintecinco anos.

E da que semellaba pouco doado liscar, tal como reflicten as manobras, os apaños, as reviravoltas que lle daban, tentando alentar un mínimo de aire fresquiño, os membros da oposición democrática. Ocúpase diso, dos limiares da Transición, a primeira metade do libro de Santos Juliá. Voluminoso pero lixeiriño, a sinxeleza como amabilidade do filósofo, do historiador para o caso, dicía Ortega.

Dividida matemáticamente, entre antecedentes e consecuentes, a propia Transición. Cun par de codas, a de xente, como o grupo Podemos, que pon en remollo a devandita Transicion, e o chamado “procés”, tan recente, tan a bulir no aire deste país complexo, difícil, invertebrado; citemos de novo a Ortega y Gasset, se cadra lúcido de máis, como Azaña, para un contexto socio-histórico carregado de neboeiros. Desta maneira o libro de Santos Juliá, partindo de 1937, cando a guerra civil comeza decantarse do bando que ía desfacer –literalmente- ao outro, e aquelas mentes republicanas máis previsoras encetan a boroa dun posible armisticio.

Falta aínda un ano para que Azaña pronuncie, precisamente en Barcelona, un 18 de xullo, o mítico discurso dos tres pes, paz, piedade, perdón. Logo, a desfeita, e a República co seu ministerio na sombra, e nunca mellor dito, e o pretendente perpetuo, Don Juan de Borbón, movendo os seus peóns desde Estoril a voltas con aquel ferrolán, raposo, retranqueiro, a xogar unhas bazas cada vez máis ambiciosas.

Don Juan acabaría por admitir a sua derrota, relativa poisque a coroa revertirá no seu fillo. Leme, seica, dunha Transición que poisque non había outra, resultou a mellor. Santos Juliá vén de analizala polo miúdo nun libro básico para entendela. Dotado do estilo elegante que este historiador adoita empregar. Mesmo na cita machadiana que pecha o libro.

Te puede interesar