RABO DE NUBE

Balada caraqueña

20171123163618735_result

A última novela de méndez guédez fai referencia a unha lenda que nos di como o Monte Ávila, que coroa a cidade de Caracas, non era senón unha onda xigantesca disposta a engulir a que ainda non era a capital de Venezuela

Méndez Guédez é un escritor venezolano, de Barquisimeto, que mora en Madrid. O que lle permite un certo, e evidente, distanciamento para falarnos dun país, o seu, víctima dun momento histórico arraiano no drama. A súa última novela fai referencia no título a unha lenda que nos di como o monte Ávila que coroa a cidade de Caracas non era senón unha onda xigantesca disposta a engulir á que aínda non era a capital de Venezuela. Alí ficou, varada, provocando involuntariamente que un escritor, incisivo e ameno, como este titulase a novela que teño diante miña. E que lin con grande fascinación. Non soamente porque se trate dun asunto de indagación ben levado, entre o “thriller” e a novela negra, senón porque a través del atopamos moitas das claves sociopolíticas que nos falan dun país tan en deconstrucción como Venezuela vén sendo. E ollo, que non falo de destrucción, nin sequera de desfeita (por máis que desta ben podería).

Mais o certo é que Méndez Guedez bota man dunha detective, Magdalena, que volta ao seu país natal sobre os pasos dunha rapaza mal de familia ben, española, chamada Begoña, desaparecida no país rexido polo chavismo. A procura de Begoña pasará primeiro por Marsella, marchando logo a Caracas e, aínda, a Barquisimeto. Lugares onde entre a indagación detectivesca e a santería Magdalena dará probas da súa pericia e coñecemento das artes policiais (manexo de aramas incluido) para solucionar o “imbroglio”. No que non mancan observacións dirixidas a certos elementos da Facultade de Políticas da Complutense nin alusións nada favorecedoras a un “Comandante” con certa semellanza física co finado Presidente Chávez. De maneira que aquí hai de todo, incluindo a “paracos” colombianos e membros dun grupo entre político e seitario (ás veces un pleonasmo) chamado Orden Cerrado.

Na órbita do que se atopa Begoña, un chisco semellante a aquela Patricia Hearst; o que ten o persoal cando non sabe que facer coas súas tardes. O lector que teña diante este libro, dinámico e ben narrado, si que sabera que facer coas súas. Enguedellado nesta historia negrísima, onde o sexo e o asfalto durísimo de certos barrios de Caracas non deixan de estar presentes. So da ollada nidia de Méndez Guédez.

Te puede interesar