La Revista

¿Cal é o crego?

Fíxoa boa Planeta rexeitando publicar un libro que xa vai na cuarta edición con Akal, editora que colleu axiña o relevo do volume interdito.

Fíxoa boa Planeta rexeitando publicar un libro que xa vai na cuarta edición con Akal, editora que colleu axiña o relevo do volume interdito. Non outro que El cura y los mandarines, de Gegorio Morán, paseo severo e documentado pola cultura española nos tempos do franquismo e da transición democrática (esa que agora os rapaces irados, non tanto en canto que perciben moqueta baixo dos pés, andan a poñer en berlina). O crego, seica, é Don Jesús Aguirre, aquel nachiño que unha vez reducido ao estado laico por vía de urxencia acabaría casando coa Duquesa de Alba. Os mandaríns, cantos moeron o trigo aquel dunha cultura que precisaba dunha urxente muiñada. Porque, malia os Celas, Delibes, Laforet e tal e tumba, tampouco é certo como sosteñen algúns (os que din que a fame fai traballar máis duramente o enxeño) que as dictaduras favorezan a creación.

Distinto que a democracia, oficiada polos mandaríns de marras, non trouxera novas idades de ouro. Ora, o outro crego sería o que provocou a censura planetaria, non outro que Victor García de la Concha, a quen se lle adica un capítulo enteiro. Que o lector, lástima fora, procurará axiña (aparece cáseque rematado o libro) conseguíndolle doses de morbo, polo retrato aceirado de quen fora presidente da RAE e non sei cantas cousas máis desde o estado clerical do que fora, voluntariamente, reducido axiña. Don Víctor sae mal parado, claro. Mais con esta censura a súa contrafigura acada máis espallamento aínda. Tamén porque o libro malia algún erro (a Escola de Guerra Naval, da que fora expulsado Torrente, non era o Ministerio de Mariña) e certa obsesión cos tópicos sobre os galegos (o da escaleira e todo iso), é asunto voluminoso e sumamente lexible.

Retrato duro dun país onde o caciqueo (na dictadura, na democracia) non deixa de facer estragos. Escrito con pluma de aceiro por quen, Gregorio Morán, xa desmitificara a Adolfo Suárez, a Ortega y Gassee e ao Partido Comunista, Agora tócalle ao crego (aos cregos, de sempre importantes neste país onde, Unamuno “dixit”, mesmo os ateus son católicos) e, naturalmente, aos mandaríns. O lector baterá con eles doadamente neste libro, afoutado e comprometido. Coas súas regalías o Morán fará ben mercando un casco.

Te puede interesar