MODA

Camisetas que reivindican a cultura galega

4147ca3af8bf81f64b5d738c371bfecb_L_result

Procedentes da ilustración, a economía solidaria e a educación, os responsables de Cestola na Cachola decidiron unir esforzos e crear unha liña de camisetas coa moda sostible como método e a cultura galega como imaxe para transmitir a súa ideoloxía de consumo

Cal é a historia de Cestola na Cachola?

Nace de Xoana Almar, Miguel Peralta e Raquel Doallo e a nosa idea de querer traballar en equipo combinando as nosas experiencias individuais anteriores. Atopamos que baixo a fórmula cooperativa podiamos dar forma ás nosas inquedanzas e hai cinco anos decidimos probar que pasaría se ligabamos os nosos campos de traballo, a priori moi diferentes: a pintura, muralismo e ilustración; promoción do cooperativismo e a economía social e solidaria e a educación para o desenvolvemento... Apostamos por incluír unha proposta nova ligada ao consumo consciente de roupa: a nosa liña de moda ética.

Apostades pola moda ética. Cal é a filosofía da marca e como se materializa na práctica?

Se reflexionamos, isto é, pousamos a nosa cestola na cachola antes de consumir, contribuiremos a construír economías máis xustas. Esta é a nosa filosofía. Para poñela en práctica, debuxamos e estampamos os nosos deseños sobre tecidos e prendas producidas de xeito ético e ecolóxico e comercializamos esas creacións para promover unha forma máis responsable de mercar roupa. 

Somos conscientes de todo o que hai detrás de cada prenda que adquirimos nos grandes imperios da moda?

Cada vez temos máis acceso á información e probablemente somos máis conscientes, pero queda moito camiño por andar e os ritmos e impulso cara ao consumismo in-consciente que nos propoñen os medios de comunicación e o propio sistema non axudan a parar e reflexionar coa atención necesaria. En Ourense, por exemplo, quen non coñece minimamente as condicións de traballo dos pequenos talleres de produción de marcas consolidadas? Falta quizais un punto de consciencia sobre o grao de responsabilidade de nós mesmos. Certo é que hai máis niveis de transformación necesaria e o compromiso institucional é ben importante tamén, xunto coa labor fundamental de incidencia da sociedade civil. Por iso o traballo colectivo de ONGD e outras organizacións é imprescindible para lembralo e impulsar a loita de todos e todas.

Que proceso seguen os deseños das vosas prendas?

A nosa aportación é o debuxo, como xa dixemos. Nunha camiseta, por exemplo, buscamos unha empresa provedora de confianza con producción ética. Outras veces, en vez de mercar unha prenda xa feita, facemos colaboracións con deseñadores para crear unha prenda nova. Por exemplo, con Racataplán (Viana do Bolo), unha iniciativa de moda sostible infantil, estamos a piques de lanzar unha nova prenda. Neste caso mercamos teas ecolóxicas certificadas sobre as que se estampan os nosos debuxos e a confección realízase a nivel local.

Os deseños apelan á cultura tradicional e popular galega. de onde vén a inspiración?

A inspiración xorde do traballo e a curiosidade. Non só nos inflúe o contexto galego e o folclore, hai ideoloxía, a busca dunha estética propia e tamén as nosas vivencias. É difícil sintetizar unha soa resposta, pois ademais hoxe en día hai un acceso total a todo tipo de culturas, sexan da época que sexan.

Nun sector dominado polo fast fashion, que lugar ocupan marcas como a vosa? 

Ocupamos un lugar aínda moi pequeno pero cada vez máis consolidado, no sentido de que as redes de coñecemento mutuo axudan a que o pequeno sector dentro do gran sector vaia sobrevivindo. Por desgraza, aínda somos moi poucas as marcas que buscamos ter unha política de creación de roupa integramente sostible e probablemente parte da causa é a dificultade para apostar por esta liña de forma sostible economicamente. No noso caso, combinamos varias liñas de traballo, non só a ligada á moda, e esta diversificación axúdanos a fortalecer a cooperativa.

Desde hai uns anos xeráronse dinámicas un tanto perigosas onde as grandes marcas están a producir algúns dos seus produtos con tecidos sostibles, pero non cambian a súa política de traballo como empresa de forma integral. Isto forma parte dunha liña de comunicación moi estudiada, mais non supón a medio prazo un cambio real no sector. Para as pequenas iniciativas, isto supón ter que facer un dobre traballo xa que chega a invisibilizarse en boa medida o porqué. Non se trata só de producir unha prenda sen utilizar químicos para evitar alerxias na nosa pel, por exemplo; trátase de ir xerando estruturas de traballo máis dignas e a nivel medioambiental incorporar políticas de produción e comercialización que axuden a acabar coa idea da fast-fashion. Isto é para nós a verdadeira moda sostible, por iso non pode venderse como tal unha prenda producida por unha multinacional, cun prezo moi baixo e unhas condicións de produción e comercialización moi cuestionables a nivel social. 

Te puede interesar