RABO DE NUBE

Como en Françoise Hardy

francoise-hardy-portada-vanidad_result

Na década de 1960 foi musa e cantaba a todos os rapaces e rapazas da súa idade que ían polas rúas de dous en dous

Eu diría que fora en 1964 cando namoramos dunha “fille” chamada Françoise Hardy que cantaba, xustamente, a todos os rapaces e rapazas da súa idade, que ían polas rúas de dous en dous. Algo así. Nós, na provincia que era nosa (daquela toda España era unha inmensa provincia) mercabamos “Salut les copains” e saudábamos, namorados, a aquela moza francesa que acabaría sendo amor efémero de Bob Dylan e musa dun dos seus poemas xamais cantado. E o conto é que o libro de Fernando Márquez, “El Zurdo”, que teño diante miña, leva por título o da versión española da canción-emblema da Hardy. “Todos los chicos y chicas”, xa que logo. “El Zurdo”, todo un craque. Compositor dun dos temas máis chamativos de “La movida”, ese que leva por título “Para ti”, que vale para iniciados e iniciáticos, para todos, pois,  os que xa vivimos e os que van facelo. Milagres da música ben feita e dos textos ben dixeridos. Neses anos “El Zurdo” publicara un par de libros que, agora, peneirados, con prologo e contextualización a cárrego de Landeira Caro, un galego (de Ferrol) sabedor e sabido, heroe de fanzines e seguidor a pé de obra da devandita “movida”. ¿El de que escribe ou escribía Fernando Márquez?

Pois a base de artellar cousas semellantes a “collages” (caprichosos por definición), nos que entran contos, poemas, relatos, mesmo cousas que apuntan a “nouvelles”. Todo disposto con cáseque argumentos protagonizados por personaxes deses anos (e aínda dos que logo virían: trátase de dous libros misturados nun e actualizados), iso si, con nomes supostos o que mudan o volume nunha novela, que como tal pode ser lida, “á clef”. Isto último, vindo dun elemento, digámolo de novo, de “la movida”, xa se sabe, Pedro Almodóvar, Fabio Mc Namara, Jorge Berlanga, Alaska (“y los Pegamoides”, “Kaka de Luxe”, con Fernando Márquez “El Zurdo”, etc. Se cadra un bota en falla un índice onomástico, aínda que se trate de xente camuflada, mais o certo é que o persoal interesado (moitos, coido) han facer axiña unha composición de lugar. A época aquela tivo o seu aquel, testemuña como as deste, ás veces bizarro (e non polo militar) elemento, tamén. Aquí non hai alta literatura, mais si un achegamento en clave literaria. 

Te puede interesar