Rabo de nube

Con Daphne Du Maurier

daphne-du-maurier-people-page_result
photo_camera L. R.

“Monte Veritá non é outra cousa que o camiño de perfección dunha dona abducida por unha seita indefinida”

Veño de botar unha tarde gloriosa, a do Sábado de Gloria, para meirande exactitude, con Daphne du Maurier. Unha autora non tan esquecida como cabería pensar, sobre todo de quen siga -tantos que somos un exército- o cinema de Hitchcock.

Porque películas deste como “A pousada de Xamaica”, “Rebeca” ou “Os paxaros” teñen centro en obras da autora británica. Non soamente isto, Du Maurier segue a ser do máis lexible, unha clásica, pois, lonxe de modas ou tendencias, como comprobará quen se faga con este libriño, en tamaño, mais denso (e intenso) no concepto que nel vai.

E é que “Monte Veritá” non é outra cousa que o camiño de perfección, ascensional xa se entende, dunha dona abudicida por unha seita indefinida. Un grupo que mora no cumio dun monte, ao que chegará o compañeiro da neófita no credo ou relixión practicado polos que están enriba.

E poisque nesta novela a moral e o “thriller” van misturados, os vecinos dos extraños habitantes do estrato superior, ese da “veritá” ao que alude o título, non queren nin falar nin sentir falar deles.

Vello recurso, tan practicado nos libros de misterio, medo e –aínda- terror. E non direi máis por non derramar (iso que os novos definen como “facer spoiler”) o cerne desta historia ou fábula que nos mostra unha autora moi viva, xa pasado ese purgatorio ou limbo dos escritores unha vez que morren, Daphne, en 1989 (nacera en 1907).

Fermoso, tamén, ver como esta ascensión, tan entre os místicos e os “hippies” (os de verdade, non os da liña Charles Manson), pode ter un aquel de actualidade. Certo que o estilo de Daphne de Maurier, brillante e eficaz (ben verquido ao español por Miguel Cisnero Perales), axuda igualmente a que a autora británica siga tan viva.

Viva e verdadeira (a literatura deshonesta morre axiña), tanto como ese “Monte Veritá” que se deixa ver no título. Si, compre ler de novo a Daphne du Maurier, tan esquecida -aparentemente-  como ese Stefan Zweig, reaparecidos ambos nas nosas librerías por mor do espírito caprichoso e fedellón sen o que a Literatura non sería tan grande e impredicible como vén sendo.  

E na pantalla do fondo, aquelas imaxes hitchcockianas das novelas de Daphne du Maurier que non deixan de nos inquedar. Como “Monte Veritá”.

Te puede interesar