Lo veo

Conciencia e diversión

A moda da sostenibilidade non é só unha moda, senón cada día son máis as marcas que apostan por prendas ecolóxicas e de comercio xusto

Cal é a vosa historia?

Racataplan nace case ao mesmo tempo que o noso primeiro fillo. Nese momento, eu quedei sen traballo e puiden disfrutar del. Entre todo o que puiden ofrecerlle, estaba a confección da súa roupa. Para min era importante que fora ecolóxica e respeitousa socialmente e, ao mesmo tempo, divertida. Tiña verdadeira dificultade en encontrala, así que comecei a mercar os tecidos e facela eu. Non nacimos cun obxectivo mercantil, mais, de maneira natural, amigos e familiares comezaban a faceren encargos. Foi así que decidimos crear a marca e a páxina web.

Apostades pola moda ética e sostible. Cal é a vosa filosofía?

Unha vez escoiteille a alguén unha reflexión demasiado amarga: non podía soportar a idea de que os meniños dun lado do mundo vestiran roupa elaborada por meniños escravizados no outro lado. Isto, que parece unha peli de terror, é unha realidade máis que demostrada e, aquí, pechamos os ollos para seguir mantendo costumes de consumo que nos veñen impostas. Racataplan elabora prendas con tecidos dos que coñecemos a súa orixe, respeituosos co medio e as persoas. Cando precisamos axuda para a elaboración ou a serigrafía, recorremos a talleres familiares nos que nos consta que o traballo é remunerado e xusto. Cremos nunha maneira de producir que crea comunidade, non que a destrue.

As vosas prendas son para un público moi esixente. En que vos inspirades á hora de deseñalas?

O noso departamento de I+D son os nosos fillos. Gústannos os nenos activos, en movemento, que caian e se arrastren polo chan, que escalen árbores e rochas, que experimenten. Por iso, entendemos que as nosas prendas han ser cómodas e duras, principalmente, mais tamén divertidas, que evoquen historias.

Para vós a moda non é só moda, senón un estilo de vida. Como son as familias Racataplan?

Racataplan, precisamente, pretende chegar a xente non suxeita a modas. As nosas prendas naceron e vanse modificando para dar resposta ás nosas propias necesidades como pais que preferimos unha saida á natureza a unha tarde de tablet, manchar de mil cores de pintura a sala que colorear sempre dentro da liña, porteo mellor que carriña, bici antes que coche, un conto antes de durmir, pasar a maior parte do tempo de lecer cos nosos fillos… Ás veces sae así e outras veces costa máis… Non sei, imaxino que comocalquera familia.

Como ten ido evolucionando o sector da moda infantil?

As tendencias, as modas, a mudanza constante… temos que recordar que non son motivadas polo gusto dos consumidores, senón que son as grandes marcas as que nos indican que se leva e como. Iso responde a unha esixencia económica das grandes empresas de crecer por cima do xa crecido. As empresas que xeran as modas na roupa adulta son as mesmas que concentran o mercado da roupa infantil, as que fixeron desaparecer as pequenas tendas de cercanía, aquí e no resto do mundo. Só fai falta pasear por calquera das rúas principais de calquera cidade do mundo, as únicas tendas que ves son as das grandes marcas, ou pequenos negocios que duran un par de anos… Nós, tanto no persoal como no profesional, estamos en contra dun consumo que obriga a mudar prendas que aínda non estreamos dous meses despois de mercalas. Moitos pensan que isto vai en contra do propio negocio que, por suposto, depende de vender. Pero nós non pretendemos facernos ricos, queremos un negocio sostible, baseado nuns principios irrenunciables: as nosas prendas respeitan o medio e a qualquera que participe nelas, desde a producción ata o uso. Isto que debería ser o normal, non o é.

Como vedes o panorama actual?

En realidade non nos interesa demasiado a moda. Se te refires ao sector téxtil vemos, cada vez, máis concentración favorecida por unha xeración criada con internet e autoservicios, que xa non vai pedir consello ao tendeiro, que merca e se non lle cae ben tira e merca, outra vez, ao día seguinte… É un sector que se basea en usar e tirar canto mais rápido mellor. Cando eu era nena, había dous temporadas: verán e inverno… Hoxe xa non sei as que hai e, ademais, veñen salpicadas por Black Fridays… Todo queda vello en dous días.

Podemos entender o futuro da moda sen a sostenibilidade? 

Ao haber máis información, chégannos con máis regularidade noticias dramáticas que afectan aos traballadores do sector téxtil de países como India, Bangladesh, Camboya… Sabemos máis do impacto que teñen nas comunidades locais e no medio ambiente as plantacións extensivas das fibras e o efecto que os tóxicos empregados na sua explotación teñen no noso organismo. Sinceramente, creo que cada vez somos máis pobres, independentemente do que diga a renda per cápita. Para chegar a fin de mes temos que tirar de crédito, algo que nunca precisaron os nosos pais. E as nosas necesidades multiplicáronse por mil. Creo que a sostenibilidade é imposible neste sistema, pero do que estou segura é de que mudará o sistema, por vontade ou por necesidade. Se non comezamos a coidar o planeta, pronto el se librará de nós.

Te puede interesar