LA REVISTA

Conversas a María

20171102165433974_result
photo_camera Una escena del documental.

Con poucos medios e un soporte musical considerable, David Arratíbel consigue un resultado fermoso e críble con este documental de non máis dunha hora 

Curiosa película esta que veño de ver (e aplaudir). Porque son cinéfilo (tamén cinófilo, ¡canto boto de menos os cans que comigo andiveran, “Tres”, “Inol I”, “Inol II”, “Coco”, “Leo”)) trestudo. Tamén porque veño dunha nenez e adolescencia de cinemas de barrio, onde había pouco onde escoller e por iso son, e dígoo con moito orgullo, cinéfilo tan de fondo como o corredor da película de Tony Richardson. Por iso fun ver esta película, de David Arratíbel, coa mesma paixón que poño sempre que vou, os domingos, por favor, a unha sala de cine. Que atopei chea de xente (cousa rariña hoxe). Xente, sospeito, crente (en Deus, digo) ou en trance de selo.

Á parte, xa digo, cinéfilos, ben entendido que esta categoría pode abarcar as anteriores. O filme ao que me refiro é un documental, de non máis dunha hora, e ten un soporte musical  considerable que axuda deseñar o conxunto. Non outro que as historias dunha familia navarra que, logo dun paseo pola indiferencia relixiosa, cando non da pertenza a grupos de cristiáns de base, abondantes na nosa Transición, dan –cada un pola súa conta- en abrazar con intensidade a fe católica. Todo isto pode semellar música celestial, e abofé que a que se interpreta no filme acada ese rango, mais non deixa de ser certo que a testemuña desta familia; dúas irmás, cuñado e nai (dirixidos polo irmán, fillo e –lástima fora- cuñado), ten un aire de sinceridade tan espontánea, honesta e coherente que un non deixa de ficar abraiado diante do resultante.

Logo están os xermolos dunha posible conflictividade, entre algúns dos membros do núcleo (tamén “in pectore” co pai ausente), que a referencia a El desencanto, aquela película de Jaime Chávarri, coa familia Panero, é tan obvia que vai a nai e dille ao fillo, director do filme, xa se dixo, que ollo, que isto pode semellar aquilo.

O cal, que o cinéfilo (e cinófilo) que isto asina saeu do cinema onde proxectaban Converso, moi satisfeito. Porque arriscar na arte non é soamente practicar “performances” ou facer cousas tan abstrusas ou absurdas ata o ridículo, atal esa Mother que me deixou arrepiado. Arriscar é facer algo tan sinxelo como este filme, con tan poucos medios como ten, e que o resultado sexa fermoso e críble. Por exemplo.

Te puede interesar