CON TEXTO

Corazón de ferro

A novela na que se basea a película, "HHhH", de Laurent Binet ten un aquel cos libros de Lapierre e Collins, isto é, adaptación de feitos históricos a partir dos que novelizar

Corazón de ferro

Ao aire da película, sobre Reinhardt Heydrich, que se vén de estrear, O home do corazón de ferro, veño de ler a brillantísima novela, de Laurent Binet, HHhH, na que se basea o filme (que aínda non vin). A novela ten un aquel cos libros de Lapierre e Collins, isto é, adaptacións de feitos históricos a partir dos que novelizar un chisco o que en realidade acontecera. Lapierre e Collins, lembremos, igual historiaban a vida de Manuel Benítez “El Cordobés” que facían o propio cos que aínda non se dividirían –no subcontinente indostánicos- entre indios e paquistanos, ou apontaban ao Muro das Lamentacións (segue a selo). O único que Laurent Binet, eis unha das súas grazas, o que fai é se mergullar na súa propia historia para contar o dos outros. Así a deste individuo, melómano, aviador, galán, ¡sanguinario!, que foi executado na Praga onde exercera de verdugo se non carniceiro so do pretexto ou selo de gobernador dun protectorado, o checo, nunca solicitado mais imposto.

Por un lado, pois, a historia de Heydrich, pola outra a dos seus executores: uns patriotas (checo e eslovaco) exiliados en Inglaterra, que virían saltar en paracaídas para poñer en marcha un plan tan arriscado que tiña un cen por cen de posibilidades de dar con eles na cova. E así foi, pero non sen antes dar cabo do home en quen Hitler (feroz represor do pobo checo logo do acontecido) tiña pensado para asuntos meirandes. Todo isto xorde contado por Laurent Binet en pequeñas doses, ata formar secuencias cheas da mesma fatalidade que ten a Historia cando se pon en marcha (e cito ao propio Binet). Un conxunto de historias da Historia, na que non faltan héroes, traidores, presidentes títeres e a implacable máquin nazi avanzando cara á solución final na que Reinhardt Heydrich, xunto co seu lugartenente Adolf Eichmann ía xogar papel decisivo. A intervención de Josef Gabcik e Jan Kubis (¡gloria aos seus nomes!) rematará con esta posibilidade. A continuación do seu acto, contada con épica plasticidade por Laurent Binet, arrastrará a represión máis terrible. Esta, así e todo, ía ter lugar (xa o estaba tendo) no que volvera ser Chequia (Eslovaquia na outra banda). Unha novela que merece unha lectura urxente. A película; ímola ver.